Escudo Concello de Vigo

Servizos Sociais

Iniciativa para a accesibilidade

O Plan Especial de Actuación para a Accesibilidade pretende crear un contorno urbano cómodo e seguro que ofreza resposta ás necesidades dos cidadáns para mellorar a calidade de vida. A realización do Plan é froito do convenio de colaboración asinado entre o Concello e a Fundación Once.

O documento determina a rexeneración dos espacios urbanos, dándolle protagonismo aos peóns nun deseño optimizado da rede viaria, o fomento do transporte colectivo e a mellora estética da cidade co fin de incidir na calidade do medio ambiente e de crear unha cultura da accesibilidade.

O plan contén unha memoria descritiva, a normativa sobre accesibilidade, un apartado viario con recomendacións para cada rúa, beirarrúa e elementos de mobiliario urbano: apartados dedicados á mellora dos edificios municipais, transporte e tráfico, comunicación sensorial e unha guía de aplicación técnica. Dispón tamén dun plano de diagnóstico e proposta con documentación gráfica de cada lugar da cidade.

A execución do plan abrangue actuacións en 331 rúas, 33 edificios, 73 aseos públicos e a instalación de 33 teléfonos adaptados para discapacitados, entre outros aspectos.