Actualidade

Avisos

Covid-19: Servizos de comedor, protección EPIs para equipos de emerxencia, suspensión de prazos, medidas de seguridade no transporte público e voluntariado

Temática: Covid-19

Data de publicación: 20-03-2020

RESOLUCIÓN NOVENO PAQUETE MEDIDAS COVID-19

Con data 11 de marzo do 2020 a Organización Mundial da Saúde (OMS) declarou o brote de SARS-CoV 2 como pandemia. Por Resolución desta Alcaldía de data 12 de marzo de 2020 acordouse a creación dun Comité de Seguimiento de evolución do COVID-19, coa finalidade de analizar a situación e propoñer a implementación das medidas que se estimen necesarias.

Realizada a reunión constitutiva do Comité na mesma data, propuxéronse unha serie de medidas destinadas a minimizar o risco de contaxio do coronavirus COVID-19, e a protección da poboación e dos empregados municipais, partindo das recomendacións efectuadas polas autoridades administrativas sanitarias. Por sendas Resolucións desta Alcaldía de data 13 de marzo de 2020 adoptáronse acordos de modificación do primeiro paquete de medidas, e de aprobación dun segundo paquete de medidas, que contemplaba, no seu apartado segundo o establecemento do sistema atención presencial na Casa do Concello con cita previa limitado a unha serie de oficinas.

O Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, declaraba a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e activaba o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

Posteriormente por Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, declárouse o estado de alarma para a xestión da situación de crisis sanitaria ocasionada polo COVID-19.

Á vista da evolución das circunstancias, foron adoptándose novas medidas por esta Alcaldía- Presidencia, e neste intre cómpre a adopción de novas medidas propostas na reunión do Comité de Seguimento de data 20 de marzo de 2020 para garantir o cumprimento das indicacións sanitarias e de seguridade formuladas polas autoridades competentes.

No exercicio das competencias que a normativa vixente en materia de réxime local lle confire a esta Alcaldía-Presidencia en canto á dirección da política, o goberno e a administración municipal, así como o establecemento das directrices xerais da acción de goberno municipal e o aseguramento da súa continuidade, contidas no artigo 124.4.a) e c), respectivamente, da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, e Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia, de conformidade coas medidas previamente adoptadas por esta Alcaldía no marco do seguimento da situación e de conformidade co establecido no Real Decreto 463/2020:

RESOLVO

Primeiro.- Instar á Concellería Dda. De Benestar para a reorganización do servizos de comedor que operan na cidade para garantir a seguridade das persoas e facilitar o confinamento.

Segundo.- Instar á Concellería Dda. De Benestar para que solicite da Xunta de Galicia a provisión dos equipos de protección individual (EPIs) precisos para os servizos sociais municipais e outros medios necesarios para dar debido cumprimento ás obrigas actualmente vixentes.

Terceiro.- Instar á Concellería Dda. De Seguridade para que solicite da Xunta de Galicia a provisión dos equipos de protección individual (EPIs) precisos para a policía municipal e o servizo de bombeiros.

Cuarto.- Instar á Concellería Dda. De Xestión municipal a propoñer a excepcionalidade na suspensión dos prazos.

Quinto.- Instar á Concellería Dda. De Transporte a que lembre as medidas de seguridade á empresa contratista do servizo de transporte colectivo e a adopción de medidas para a supresión do pago en efectivo, promovendo á máxima axilidade na tramitación da tarxeta passvigo ou asimilada.

Sexto.- Dar conta da situación actual do rexistro de persoas voluntarias e de ofertas voluntarias de bens e suministros en relación co avance do COVID-19.

Sétimo.- A presente resolución terá efectos a partires da súa data e ata o 29 de marzo, sen perxuízo da súa ampliación si así o requiren as circunstancias, conforme á declaración do estado de alarma.

Oitavo.- Dar publicidade deste acordo mediante todos os medios internos e externos dispoñibles, procurando a máxima difusión á cidadanía.

Documentación

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100