Actualidade

Avisos

Covid-19: Aforo cemiterios, fontes públicas, albergues, espazos de seguridade e peche de instalacións

Temática: Covid-19

Data de publicación: 14-03-2020

RESOLUCIÓN TERCEIRO PAQUETE MEDIDAS COVID-19

Por Resolución desta Alcaldía de data 12 de marzo de 2020 acordouse a creación dun Comité de Seguimiento de evolución do COVID-19, coa finalidade de analizar a situación e propoñer a implementación das medidas que se estimen necesarias.

Realizada a reunión constitutiva do Comité na mesma data, propuxéronse unha serie de medidas destinadas a minimizar o risco de contaxio do coronavirus COVID-19, e a protección da poboación e dos empregados municipais, partindo das recomendacións efectuadas polas autoridades administrativas sanitarias. Por sendas Resolucións desta Alcaldía de data 13 de marzo de 2020 adoptáronse acordos de modificación do primeiro paquete de medidas, e de aprobación dun segundo paquete de medidas.

Visto o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, polo que se declara a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e se activa o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 e ante a declaración do estado de alarma polo goberno da nación. En reunión de data 14 de marzo de 2020 e no marco do seguimento continuo e adopción das medidas acaídas en cada intre, resulta preciso adaptar a esta situación a modalidade de prestación de servizos de atención presencial.

No exercicio das competencias que a normativa vixente en materia de réxime local lle confire a esta Alcaldía-Presidencia en canto á dirección da política, o goberno e a administración municipal, así como o establecemento das directrices xerais da acción de goberno municipal e o aseguramento da súa continuidade, contidas no artigo 124.4.a) e c), respectivamente, da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, e Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia, de conformidade coas medidas previamente adoptadas por esta Alcaldía no marco do seguimento da situación:

RESOLVO

Primeiro.- Limitar, segundo as decisións adoptadas polo Consello da Xunta de Galicia, a entrada

aos cemeterios municipais a un máximo de 25 persoas.

Segundo.- Acordar o peche da totalidade das fontes públicas sitas no termo municipal.

Terceiro.- Suspender as rotacións de 10 días no albergue municipal, e recomendar a adopción de dita medida aos demáis albergues sitos no termo municipal.

Cuarto.- Recomendar á cidadanía en xeral gardar os espacios de seguridade entre persoas fixados polas autoridades sanitarias, en particular, no uso de bancos, marquesinas, paradas de autobús e similares.

Quinto.- Continuar o peche das instalacións e actividades ao abeiro do establecido no Acordo do Consello da Xunta de Galicia de data 13 de marzo de 2020, en sustitución do disposto no apartado quinto da Resolución desta Alcaldía de data 13 de marzo de 2020, relativa á ampliación do primeiro paquete de medidas polo COVID-19.

Sexto.- A presente resolución terá efectos a partires da data de sinatura da presente e ata o 29 de marzo, sen perxuízo da súa ampliación si así o requiren as circunstancias, conforme á declaración do estado de alarma.

Séptimo.- Dar publicidade deste acordo mediante todos os medios internos e externos dispoñibles, procurando a máxima difusión á cidadanía.

Documentación

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100