Actualidade

Avisos

TRANSPORTE PÚBLICO: O NADAL DE VIGO VIAXARÁ EN AUTOBUS POR TODA ESPAÑA

Temática: Transporte

Data de publicación: 19-11-2019

O Nadal de Vigo viaxará en autobús por toda España. Vitrasa promocionará o Nadal vigués en varios autobuses urbanos e metropolitanos de 9 cidades do territorio nacional. En concreto, trátase das seguintes cidades e soportes: Madrid Capital (2 autobuses), Sevilla (2 autobuses), Valencia (2 autobuses), Córdoba (1 autobús), San Sebastián (1 autobús), Zaragoza (1 autobús), Segovia (1 autobús), Málaga (2 autobuses). No ámbito metropolitano tamén haberá catro autobuses en Madrid e dous en Vizcaya. Ademais, o autobús de longo percorrido que cubre a ruta Vigo-Madrid, tamén ira rotulado con imaxes do Nadal de Vigo.

A Estación Sur de Autobuses de Madrid tamén será protagonista desta campaña de promoción do Nadal de Vigo xa que o túnel que comunica esta estación con metro e o tren de proximidade estará totalmente rotulado con imaxes da cidade durante o Nadal. Non pasará desapercibido para todas as persoas que transiten por este túnel, a invitación do Alcalde a vir a Vigo para disfrutar do Nadal “máis top do Planeta”. Destacará tamén o lema da campaña “Vigo, onde vive o Nadal”, e as alusións á impactante iluminación e todos os soportes e actividades que se desenvolverán durante estas festas na cidade olívica. O Alcade de Vigo acudiu a Madrid este martes para presentar e ver de primeira a man a decoración deste espazo.

A campaña, que dará comezo o 12 de novembro e que se prolongará durante todo o Nadal, non implicará ningún compromiso económico para as arcas do Concello vigués, xa que a empresa asumirá a integridade dos custos. En palabras do Director Xeral de Vitrasa, Luis González, “o Nadal de Vigo é xa un referente e un reclamo turístico máis alá de Galicia pola súa beleza e dimensión e esta iniciativa é unha magnífica oportunidade para seguir promocionando á cidade de Vigo como destino turístico de primeiro nivel”.

Non é a primeira vez que os buses do Grupo Avanza promocionan a imaxe de Vigo fora da cidade. No verán de 2017, dous autobuses que cobren a ruta Vigo-Madrid estiveron vinilados con imaxes das Illas Cíes e o eslogan: “Illas cíes: Obxectivo Patrimonio da Humanidade”. Tamén a Estación Sur de Autobuses de Madrid foi escenario desta campaña coa rotulación integral do túnel que comunica dita estación co metro e o tren de proximidade.


 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100