Actualidade

Avisos

TRANSPORTE PÚBLICO: VIGO PROBA UN INNOVADOR AUTOBÚS ELÉCTRICO

Temática: Transporte

Data de publicación: 14-02-2019

A cidade de Vigo probará durante a vindeira semana, da man do operador Vitrasa, un novo concepto de autobús eléctrico, que incorpora no seu deseño e tecnoloxía, novas solucións para a mobilidade urbana. O primeiro prototipo deste autobús eléctrico, denominado Aptis e desenvolto pola multinacional Alstom, circulará en probas pola cidade os próximos 19, 20 e 21 de febreiro. Durante as probas, o vehículo, que percorrera a liña circular C1 entre Praza de América e Policarpo Sanz, será de balde para todos os usuarios.

Aptis, que recibiu o premio á innovación na feira Busworld 2017, é o primeiro autobús deseñado dende a súa orixe como vehículo eléctrico, incorporando innovadoras solucións na materia de accesibilidade, confort a bordo, eficiencia enerxética, mantemento e integración urbana.

Novo concepto de autobús urbano

“Aptis é un novo concepto de autobús urbano, concibido para ofrecer ás cidades unha alternativa de transporte sustentable e universal de altas prestacións. Baseado na experiencia de Alstom en tracción eléctrica e sistemas de transporte, Aptis ofrece características novidosas, mellorando a experiencia do pasaxeiro, a accesibilidade e a operación”, destacou Jaime Borrell, director de Desenvolvemento de Negocio de Alstom España.

Inspirado no deseño do tranvía, Aptis ofrece ao pasaxeiro unha experiencia e confort únicos: o piso baixo en todo o vehículo e as portas dobres permiten un cómodo fluxo de pasaxeiros e un fácil acceso para cadeiras de rodas e carriños. Ademais, está provisto dunha zona lounge panorámica na parte traseira, e conta cun 20% máis de superficie con vidreiras que os autobuses tradicionais. A ausencia de obstáculos e o deseño interior con acabados redondeados proporcionan un espazo seguro para os viaxeiros. O tamaño das fiestras, xunto coa iluminación interior e as cámaras de vídeo vixilancia, contribúen a aumentar a sensación de seguridade. Conta con capacidade para 100 persoas (inclúe 4 PMR e dúas zonas para cadeiras de rodas) e autonomía de ata 250 km.

O vehículo adáptase perfectamente a contornas urbanos, grazas as súas catro rodas directrices, que minimizan o radio de xiro (25% menos que un autobús convencional) e melloran as manobras de parada. Grazas a esta tecnoloxía, e ao sistema de asistencia en parada, o vehículo pode aliñarse perfectamente coa beirarrúa, mellorando a accesibilidade e o fluxo de entrada e saída de pasaxeiros. Tamén se reduce o tempo de parada, contribuíndo a alixeirar o tráfico no centro urbano.

Ao ser 100% eléctrico, as viaxes son respectuosas coas cidades onde opera, sen emisións de gases nin partículas, e cun mínimo nivel de ruído. Aptis pódese recargar nas cocheiras durante a noite ou de xeito diúrno ao final de cada liña. A carga rápida (diúrna) realízase a través dun pantógrafo invertido ou mediante un innovador sistema de carga estática dende o chan desenvolto por Alstom.

As probas nos talleres de Vitrasa en Vigo, así como en condicións reais de operación, están deseñadas para avaliar as características específicas de Aptis en diferentes contornas urbanas, o seu sistema de carga, a súa autonomía e a súa integración no tráfico. Xa se realizaron ensaios similares en Madrid e Barcelona, así como en diferentes cidades de Francia, Bélxica, Holanda e Alemaña.

 

Ficha Técnica Aptis

Medidas exteriores

12 m (lonxitude) x 2,55 (ancho) x 3,1 (altura)

Altura piso

330 mm

Velocidade

Ata 90 km/h

Aceleración

1,2 m/s2

Pendente máxima

13% a plena carga, 20% en baleiro

Capacidade de pasaxeiros

100 incluíndo 4 PMR y 2 zonas para cadeiras de rodas

Número de portas

2 ou 3 portas dobres en cada lateral

Máxima potencia do motor

180 kW, motor refrixerado por aire e control de tracción

Motorización

Motor eléctrico de imáns permanentes auto ventilado

Suspensión

Hidráulica

Autonomía

Ata 250 km

Sistemas de carga

Conector tipo Combo 2 CCS, pantógrafo invertido e SRS

Climatización

Aire acondicionado e calefacción para condutor e pasaxeiros

Asistencia ao aparcamento

Aliñación perfecta: máx. 40 mm entre autobús e beirarrúa

Outras prestacións

Condución ecolóxica, porto de carga USB, wifi


 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100