Actualidade

Avisos

TRANSPORTE PÚBLICO: VITRASA INVISTE MÁIS DE 4,5 MILLÓNS DE EUROS EN 24 NOVOS AUTOBUSES

Temática: Transporte

Data de publicación: 24-07-2017

  • Durante os últimos seis anos a empresa leva incorporados 74 novos autobuses o que supón a renovación do 60% da flota
  • A idade media da flota é de 4,75 anos, a máis nova de España
  • Os motores dos novos autobuses son Euro VI, os máis respectuosos co Medio Ambiente

 

Vigo, 24 de xullo de 2017.-A empresa de transporte colectivo de Vigo, VITRASA, pertencente ao Grupo Avanza, presentou esta mañá vinte e catro novos autobuses que pasarán a formar parte da actual flota da compañía integrada por 124vehículos cun investimento de máis de 4,5 millóns de euros. En concreto, trátase de 20 buses de 12 metros de longo e 4 “orugas” de 18 metros cada un. Unha das principais novidades destes últimos vehículos é que levan a “oruga” translúcida na súa parte superior polo que se mellora a luminosidade na parte traseira do autobús.

Durante os últimos seis anos a empresa leva incorporados con estes, 74 novos autobuses o que supón a renovación do 60% da flota e que a idade media dos buses de Vigo se sitúe nos 4,75 anos de media, a máis nova de España.

Estas 24 novas adquisicións súmanse aos 16 vehículos presentados o pasado ano. Xunto con 15 buses presentados en 2015, estes 55 autobuses contan cunha nova imaxe no seu exterior con diversas gamas de cor verde e formas xeométricas fronte ao tradicional deseño verde.

En palabras de Juan Carlos Villarino, Director Xeral de VITRASA, “con estes novos vehículos, dotados coas últimas tecnoloxías, damos un mellor servizo aos cidadáns de Vigo. Realizamos un importante esforzo en renovar os autobuses co que conseguimos contar cunha das flotas máis modernas e actuais do ámbito nacional xa que contan cunha idade media de 4,75 anos”.

Conexións USB e WiFi

Outras das principais novidades é que os usuarios poderán disfrutar de WiFi gratis a bordo e dispoñer de conexión USB. En concreto, cada autobús conta con 8 entradas USB e os orugas con 16.

Outra das principais novidades dos novos vehículos son as máquinas billeteiras. Os dezaseis buses levarán incorporados novos sistemas de billetaxe para as tarxetas sen contacto que en breve incorporaranse a toda a flota.

Respecto polo Medio Ambiente

No seu afán por ser respectuosos co Medio Ambiente e reducir as emisións de gases á atmosfera, os novos autobuses contan con motores Euro VI. Con este sistema, redúcense os óxidos de nitróxeno dos gases de escape, optimízase a combustión do motor para acadar unha maior potencia cun menor consumo de combustible e xéranse menos partículas. Actualmente, un total de 55 autobuses contan con motores Euro VI e 66 con Euro V.

Accesibilidade do 100%

O 100% da flota de VITRASA é accesible para minusválidos e todos contan con plataforma integral baixa. Os novos buses incorporan rampa telescópica para o acceso de cadeiras de rodas e no interior tamén se atopan dous espazos habilitados para as cadeiras de rodas. Vigo é a primeira cidade galega en contar coa flota cen por cen accesible. Unha mostra máis do traballo desenvolvido por VITRASA para favorecer a integración social das persoas con algún tipo de discapacidade.

Características técnicas

A lonxitude dos novos vehículos é de 12 metros e 18 metros, entre todos teñen capacidade para 2.768 pasaxeiros: 688 sentados, 2.032 de pé e48en cadeira de rodas.

Destaca a instalación de piso baixo integral, aire acondicionado e calefacción, rótulos electrónicos, iluminación LED tanto interior como exterior, sistema pneumático de axeonllamento, instalación para SAE e pantallas de información. Ademais instalaranse cámaras de video vixilancia no interior dos autobuses para velar pola seguridade dos viaxeiros e condutores.

Outras das particularidades destes novos buses son as cadeiras anatómicas para os pasaxeiros e o pavimento de tarima. Os 24 novos autobuses de Marca MAN foron carrozados por CASTROSÚA, contan con Motores Euro VI de 320 CV e cilindrada de 10.518 cm3.

A presentación dos novos buses contou coa presenza entre outros do Alcalde de Vigo, Abel Caballero, o Director Xeral do Grupo Avanza, Valentín Alonso, o Director Xeral de Vitrasa, Juan Carlos Villarino, o Responsable Comercial de Vehículos Urbanos de MAN, Tomás Merino e a Responsable de Interurbanos de Castrosua, Isabel Souto.

Avanza

AVANZA está integrada en Grupo ADO, compañía multinacional de orixe mexicana, especializada en mobilidade global. A compañía integra todos os ámbitos da mobilidade terrestre: Urbano, Proximidades, Longo Percorrido e Discrecional. A estas actividades súmanse a xestión de estacións de autobús e de áreas de servizo. Actualmente é o primeiro operador privado de España de transporte urbano e metropolitano en autobús. Conta cunha frota superior a 1.800 autobuses, xestionada por un equipo de máis de 5.000 empregados. Avanza percorre ao ano máis de 150 millóns de quilómetros e transporta a máis de 245 millóns de persoas.

Grupo ADO

Ado é un grupo multinacional especializado en mobilidade, nacido en México hai máis de 75 anos. Actualmente é un dos operadores de transporte terrestre de viaxeiros máis importante a nivel internacional. Grupo ADO transporta anualmente a máis de 440 millóns de persoas, percorre máis de 1.000 millóns de quilómetros anuais cunha frota de máis de 8.000 autobuses e conta cun equipo de máis de 25.000 profesionais.

 

 


 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100