Escudo Concello de Vigo

Xerencia Municipal de Urbanismo

Licenzas de obras suxeitas ao procedemento ordinario

Licenza de obra nova

Abrangue os seguintes tipos de obra:

a) Obras de substitución: son aquelas nas que se derriba unha edificación existente e no seu lugar se constrúe unha nova.

b) Obras de nova planta: son aquelas mediante as cales se edifica unha parcela libre de edificación.

c) Obras especiais: son aquelas obras de características particulares que só se poden realizar no caso de que sexan esixidas pola propia normativa aplicable; establécense tres grupos:

  • Obras de reconstrución: son as que teñen por obxecto a reposición mediante nova construción dun edificio preexistente no mesmo lugar e posición, total ou parcialmente desaparecido, reproducindo fielmente as súas características morfolóxicas. Só se considera este tipo de obras en edificios sometidos a algún réxime de protección que as esixa, quedan exentas do cumprimento das condicións de nova planta que as imposibiliten, aínda que non das de seguridade.
  • Obras de desmontado traslado e reedificación.
  • Obras de recuperación tipolóxica: son aquelas obras de nova edificación que deben realizarse de acordo cun modelo tipolóxico preestablecido polo planeamento. Estas obras virán impostas na normativa correspondente, segundo casos específicos.
Máis información sobre a súa tramitación.

Volver ao inicio

Licenza de obras de ampliación / reestructuración

Obras de ampliación: son aquelas obras, nunha edificación existente, nas que se incrementa a ocupación ou o volume construídos.

Obras de reestructuración: son aquelas obras de rehabilitación dunha edificación que melloran as súas condicións de seguridade, salubridade, habitabilidade, de confort e ornato, modificando a súa distribución e alterando as súas características morfolóxicas e a distribución interna.

  • Reestruturación parcial: aquelas obras que inclúen algún dos seguintes tipos:
    • Construción de entresollados.
    • Cubrición e forxado de patios pechados de dimensións inferiores ao 50% das establecidas na ordenanza que o autorice.
    • Demolición e nova construción de núcleos de comunicación vertical.
    • Substitución ou reposición de elementos ou zonas de forxados ou piares illados
    • Apertura de patios ou incremento do espazo libre de parcela, de acordo coas dimensións establecidas pola norma zonal de aplicación para edificios non catalogados.
    • Reposición da estrutura ou dos elementos da cuberta.
  • Reestruturación xeral: terán este carácter todas aquelas obras nos edificios que excedan do anteriormente exposto; serán consideradas de reestruturación total no caso de baleirado do edificio con mantemento de fachada a vía ou a espazo libre de uso público, ou do seu desmontado e reconstrución.

Máis información sobre a súa tramitación.

Volver ao inicio

Licenza de obras de reforma e consolidación

As obras de reforma e consolidación abranguen os seguintes tipos de obra:

Obras de reestructuración puntual: son aquelas obras, nunha edificación existente, nas que se realicen pequenas modificacións estruturais para posibilitar:

  • Cambios na distribución mediante a apertura puntual de ocos de paso en muros.
  • A adecuación á normativa contra incendios ou á de accesibilidade e supresión de barreiras mediante a construción de pasos, ramplas, escaleiras e vías de evacuación.
  • O cumprimento da normativa contra incendios mediante a construción de pasos e vías de evacuación.
  • A instalación de ascensores e construción de escaleiras privadas de comunicación entre pisos
  • Substitución parcial de forxados, podendo introducirse modificacións de nivel en zonas localizadas.

Obras de consolidación: son aquelas que teñen por obxecto o afianzamento, reforzo ou substitución de elementos danados para asegurar a estabilidade do edificio, con posibles alteracións menores da súa estrutura e distribución, sempre que non estean incluídas nas obras de reestruturación parcial ou total.

Inclue a totalidade das obras maiores de reforma de Edificios Catalogados

Máis información sobre a súa tramitación.

Volver ao inicio

Licenza de obras de movementos de terra

Estarán suxeitos a licenza de obra os movementos de terra e obras de desmonte non incluídos en proxectos de edificación ou proxectos de urbanización.

Máis información sobre a súa tramitación.

Volver ao inicio

Licenza de parcelamento ou informe de innecesidade de parcelación

De conformidade co artigo 148 da Lei 2/2016 do solo de Galicia (LSG) considerarase parcelación urbanística a división de terreos en dous ou máis lotes ou porcións co fin da súa edificación.

Estarán suxeitas a licenza previa as parcelacións, segregacións ou outros actos de división de terreos en calquera clase de solo, cando non formen parte dun proxecto de reparcelación.

Será innecesario o outorgamento de licenza cando a división ou segregación sexa consecuencia de: A aprobación dun proxecto de compensación, reparcelación ou expropiación, a execución de infraestruturas e dotacións públicas, ou o outorgamento polo planeamento de distinta clasificación ou cualificación da parcela de orixe.

Nestes casos poderá solicitarse a declaración de innecesariedade de parcelación.

Máis información sobre a súa tramitación.

Volver ao inicio

Licenza de intervencións menores en Edificios Catalogados

Son obras caracterizadas pola súa escasa entidade económica e pola súa sinxeleza técnica, dirixidas á simple reparación, decoración, ou mantemento e limpeza, de edificios declarados bens de interese cultural ou catalogados polas súas singulares características ou valores culturais, históricos, artísticos, arquitectónicos ou paisaxísticos.

Inclúense as obras enumeradas na seguinte relación:
  1. Mantemento de partes non edificables de parcelas e soares:
    • Limpeza e roza interior de parcelas e soares, sen movementos de terras nin tala de arborado
    • Reparación de peches de parcelas sen afeccións estruturais.
  2. Mantemento de fachadas dos edificios:
    • Reparación e substitucións de elementos auxiliares da cuberta ( canalóns, baixantes e varandas)
    • Limpeza e pintado de fachadas.
    • Cambio de carpintería exterior, persianas, varandas ou similares.
  3. Mantemento de cubertas dos edificios:
    • Substitución puntual de material de cubertas ou terrazas.
  4. Mantemento e actualizacións das instalacións dos edificios:
    • Substitucións de instalacións privativas de vivenda ou local ( auga, gas, electricidade, desaugadoiros ou similar)
    • Novas instalacións non encastadas en elementos estruturais ( vigas, pilares, paredes mestras, etc.)
    • Mantemento de instalacións comúns do edificio ( ascensor, caldeiras, etc.)
  5. Mantemento dos acabados interiores dos edificios:
    • En paredes, solos e falsos teitos.
    • Reformas en cociñas ou baños que non modifiquen as divisións interiores.

Máis información sobre a súa tramitación.

Volver ao inicio

Licenza de obra (Varios)

Abranguen todas as obras que non teñen cabida en ningunha das anteriores definicións e non están suxeitas ao procedemento simplificado ou comunicación previa como poden ser piscinas, etc.

Ademais incluirá as solicitudes de instalación de carteleiras e antenas de telefonía non suxeitas a comunicación previa. Nestes casos a documentación a presentar coa solicitude será a establecidas nas ordenanzas especificas: Ordenanza municipal reguladora das condicións urbanísticas de localización, instalación e funcionamento dos elementos e equipos de telecomunicación e Ordenanza Urbanística reguladora da publicidade exterior no termo municipal de Vigo.

Máis información sobre a súa tramitación.

Volver ao inicio

Licenza de obra de reforma comercial (Edificios catalogados)

Obra de acondicionamento de local: son aquelas obras que adaptan un local existente ás condicións para o exercicio dunha actividade mediante a introdución de novas instalacións, a modernización das existentes ou a redistribución do seu espazo interior, sen intervir sobre as características morfolóxicas do edificio, as instalacións xerais ou estrutura portante, nin alterar a envolvente do edificio.

En locais situados en edificios declarados bens de interese cultural ou catalogados polas súas singulares características ou valores culturais, históricos, artísticos, arquitectónicos ou paisaxísticos, no caso de necesitar obras de acondicionamento para o desenvolvemento dunha actividade suxeita a comunicación previa deberá solicitar licenza de obras de reforma comercial. Unha vez rematada a obra comunicarase o inicio da actividade, co procedemento descrito no anexo 5, achegando o correspondente Certificado Final de Obra.

No resto das edificacións as obras de acondicionamento están suxeitas a comunicación previa co procedemento descrito no anexo 5 de la ordenanza de licenzas urbanísticas e outras formas de intervención administrativa.

Máis información sobre a súa tramitación.

Volver ao inicio