Medio Ambiente

Senda Azul: Camiño á Beiramar

Camiño á beiramar é unha senda peonil accesible e practicable parcialmente en bicicleta que inicia o seu percorrido na Avda. de Madrid e segue o curso do río Lagares durante máis de 8,1 Km até chegar as proximidades da súa desembocadura onde se bifurca en dous trazos que, bordeando a costa, nos levan cara ao leste ao areal do Adro (4,5 km), e cara ao oeste ao areal de Canido (2,6 Km).

O paseo pola ribeira do Lagares achéganos a unha ruta ornitolóxica onde se representan as aves de cada zona. Ademais pasearemos entre a vexetación denominada bosque de ribeira ou en galería; nela dominan árbores como os amieiros e os salgueiros. A súa importancia é vital para evitar a erosión das marxes do río e preservar a flora e fauna deste espazo.

No tramo baixo do río pasaremos a carón das zonas húmidas de Goberna, Muíños e a Xunqueira do Lagares, espazos de grande diversidade biolóxica que son fundamentais na regulación do fluxo de auga na zona.

O trazo polo río achéganos tamén ao patrimonio etnográfico, froito vinculación da poboación local có río e que está representada pola pontella de Sárdoma, a ponte medieval de Balaídos, a pontella e muíño de marea de Muíños e as saíñas na Xunqueira do Lagares.

No tramo litoral, percorreremos a costa entre espazos areosos, algúns asociados a procesos de recuperación dunar alternando con zonas de pequenos cantís rochosos; que amosan unha gran diversidade de ecosistemas cheos de vida.

Así, en dirección leste pasaremos, entre outros, polos areais de Samil, Argazada, Tombo do Gato, Fontes, Mourisca, Santa Baia, Carril e o Adro. Tamén poderemos ollar as dunas de Samil e Cabo de Mar, facer unha visita ao Museo do Mar ou pasear polo barrio Mariñeiro de Bouzas.

En dirección oeste, camiñaremos ao carón dos areais de Calzoa, Fontaíña, Baluarte, O Vao ou Canido. Neste trazo gozaremos dos ecosistemas dunares de Fontaíña, Baluarte, Vao e Serral. Pero tamén podemos visitar o patrimonio etnográfico representado polas gamelas coruxeiras de Calzoa e Fontaíña, a capela do Vao ou o poboado Galaico-Romano de Toralla.


Ver Senda Azul; Camiño á beiramar en un mapa más grande

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100