Escudo Concello de Vigo

Parques e sendeirismo

Castrelos

Foi doado á cidade polo Marqués de Alcedo (1858-1936), o seu propietario.

O parque de Castrelos é unha das xoias da cidade, xa non só pola súa extensión (algo máis de 24 hectáreas, un dos máis extensos da cidade), senón tamén polas suas dotacións.

Nel podemos atopar un auditorio ao aire libre, un lago artificial e o Pazo-Museo Quiñones de León, que integra un xardín inglés, un xardín francés e unha rosaleda.

O auditorio, un dos mellores do Estado español ao aire libre, atópase na zona central do parque. Aproveita a pendente da ladeira, o cal lle confire unha estrutura de teatro grecorromano. Delimítanse dúas zonas grazas a un foxo con auga. Neste auditorio celébranse concertos ao longo de todo o verán. A zona comprendida entre o foxo e o escenario é zona de pagamento, mentres que a zona situada na ladeira é de acceso gratuíto.

O lago artificial está construído a diferentes niveis, con fervenzas e chorros de auga. Unha ponte en medio do lago permite atravesalo. Existe a posibilidade de realizar espectáculos de luz e son sincronizados co movemento do auga. Viven e conviven nel diferentes especies acuáticas: cisnes, patos, gansos, etc., os cales se foron habituando á presenza das persoas e pasean tranquilamente entre eles.

O Pazo-museo Quiñones de León foi construído na segunda metade do século XVII. É un dos mellores exemplos da arquitectura palaciega galega. Hoxe en día é un museo onde podemos atopar unha sala de arqueoloxía; unha sala de pintura, cunha importante e ampla colección de pintura galega; unha sala dedicada á arte decorativa da época; unha colección de porcelana de Sargadelos e outros fondos artísticos legados por Policarpo Sanz. Ademais, cómpre destacar tamén os seus xardíns:

- O xardín francés atópase xusto detrás do pazo. É un xardín de gran beleza que, nas súas formas, lembra os xardíns de Versalles, a unha escala reducida. Está formado por un labirinto de buxos, en cuxo centro hai unha fonte de delfíns de granito, se ben estes, na súa orixe, eran de chumbo.

O xardín está delimitado no lado dereito polo xardín inglés e pola rosaleda no lado esquerdo. Estes tres espazos atópanse a diferentes niveis, o superior sería a rosaleda e o inferior o xardín inglés.

No corredor lateral, que separa o xardín da rosaleda, atópase o paseo dos escudos.

- O xardín inglés é coñecido tamén como a pradeira do té, dado ao costume británico dos seus anteriores donos de tomar o té neste lugar. É un xardín moito máis sinxelo ca o francés. O seu deseño está asociado á corrente naturista, onde a flora parece medrar libremente sen unha orde predeterminada, a excepción das árbores. Esta é unha pradeira rectangular rodeada por dous camiños, con varios exemplares arbóreos, e no centro un pequeno estanque cunha reprodución a escala do propio pazo -influencia das miniaturas chinesas que tan de moda estiveron durante o século XVIII-. Na parte final do xardín, sobre un estanque, está unha estatua do século XVII, A fonte de Neptuno, situada antigamente na Porta do Sol.

- A Rosaleda é un pequeno paseo con rotondas e esculturas. Ao longo do camiño trázase unha serie de arcos polos que crecen os rosais. Ao final da vía atoparemos a imaxe dunha virxe.