Citizenry Services
O Centro Integral de Inclusión e Emerxencia Social (CIIES) do Concello de Vigo configurase como un centro de atención integral para persoas sen fogar, en situación de exclusión social e/ou emerxencia social que persigue realizar unha intervención social de calidade que permita ás persoas mellorar a súa calidade de vida, procurar contextos que faciliten a inserción socio-laboral e atender situacións puntuais de emerxencia social.
- Servizos e recursos que ofrece
Obxectivos:
- Atender as necesidades básicas (aloxamento, alimentación, asistencia e atención especializada) das persoas afectadas por situacións valoradas de exclusión social ou en risco de exclusión.
- Proporcionar atención puntual en situacións de emerxencia sobrevida.
- Ofrecer solucións de carácter integral que permitan ás persoas usuarias desenvolver verdadeiros procesos de inclusión de carácter permanente a fin de acadar maiores niveis de integración e normalización social en cada caso ou un maior control do deterioro noutros casos.
- Abordar desde a perspectiva da integración ou inclusión social a situación das persoas que non poden conservar ou acceder a un aloxamento axeitado e permanente que proporcione un marco estable de convivencia, xa sexa por razóns económicas ou outras barreiras sociais, ou ben porque presentan dificultades persoais para levar unha vida autónoma.
As axudas de inclusión social son prestacións económicas non periódicas que teñen como finalidade posibilitar ou reforzar os procesos de inclusión social das persoas ou familias valoradas tecnicamente en situación de exclusión social ou de risco de exclusión social, así como atender as situacións de grave emerxencia de persoas ou familias vulnerables que poidan desencadear un proceso de exclusión social.
Pode consultar toda a información na páxina Axudas de inclusión social (AIS) dentro da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.
“CEDRO” é o centro de atención para drogodependencias do Concello de
Vigo.
Desde CEDRO ofrécese información, orientación, diagnóstico e
tratamento de drogodependencias.
Abordamos o problema da drogodependencia desde un enfoque
multidimensional, mediante unha metodoloxía de atención multidisciplinar
coordinada, con personalización do plan terapéutico individual, que
combina estratexias médico-psiquiátricas, psicológicas e sociais.
Realizamos unha evaluación diagnóstica integral para determinar as necesidades de intervención específicas en cada usuario e as prioridades á hora de establecer os obxectivos terapéuticos.
Tratamos de ofrecer unha resposta adecuada para cada unha das etapas diferenciadas do proceso terapéutico:
1. Desintoxicación, ou proceso terapéutico dirixido a superar o estado de dependencia física.
2. Deshabituación, ou proceso terapéutico dirixido a superar o estado de dependencia psicológica.
3. Reinserción, ou proceso de rehabilitación da autonomía social.
"O Programa de coidadores de barrio do Servizo de Benestar Social" é un servizo que, con carácter voluntario, presta o Concello de Vigo coa finalidade de mellorar a calidade de vida das persoas en situación de vulnerabilidade por distintas razóns (enfermidade, mobilidade, saúde mental, etc.); en especial das persoas maiores con dificultades para realizar de forma autónoma as súas actividades na rúa, facilitándolles a integración no seu contorno, evitando o risco de exclusión social e as indesexadas situacións de reclusión na propia vivenda.
O financiamento deste Programa realizarase con cargo ós orzamentos do Concello de Vigo, sendo totalmente gratuito para as persoas usuarias do mesmo.
O horario de prestación dos servizos dos coidadores de barrio será, durante todo o ano, de luns a venres e en horario de mañá e tarde, de 9:30 a 14:30 horas e de 15 a 20 horas.
Emisión de Informe Social con valoración favorable para acollerse ao Programa de Retorno Voluntario de Inmigrantes desde España (PREVIE) da O.I.M. (Organización Internacional para as Migracións).
Informe emitido polo Concello, imprescindíbel por lei, como parte da documentación necesaria para regularizar a estancia en España das persoas estranxeiras.
Neste informe débese facer constar o tempo de permanencia da persoa
estranxeira en España e concretamente en Vigo, os medios de vida cos que
conta, o seu coñecemento das linguas que se utilicen na seu contorno
(galego e español), o seu coñecemento e inserción nas redes sociais da
seu contorno, os programas de inserción sociolaboral en que participe e
calquera outro extremo que determine o seu grado de arraigo no municipio.
A persoa estranxeira deberá acreditar documentalmente todos os datos anteriores e en base a eles emitirase o Informe cunha Valoración favorable ou desfavorable sobre o seu grado de inserción.
Co obxectivo de potenciar as capacidades e habilidades das persoas maiores para un bo avellentamento e unha prevención da dependencia, a Concellería de Política Social organiza diversas actividades lúdico-formativas ao longo do ano.
Están dirixidas a grupos de 20 a 25 persoas e son impartidas nas oficinas municipais de distrito, asociacións veciñais ou de persoas maiores que o soliciten e aos que se lles conceda.
Consisten en sesións de unha hora ou ben unha hora e media de duración, un día á semana de mañá ou de tarde, durante todo o ano agás do 15 de xuño ao 15 de setembro.
Procedemento que depende da Xunta de Galicia e necesario para acceder a determinados procedementos dos Servizos Sociais do Concello de Vigo.
Pode consultar toda a información na páxina sobre a Dependencia dentro da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.
Vigo inclusivo, é un programa de ocio e tempo libre que se está a levar a cabo dende a Concellería de Política Social do Concello de Vigo, e que está dirixido a persoas con diversidade funcional, a partires dos tres anos de idade.
A finalidade deste programa, ademais de favorecer a educación non formal e o desenvolvemento integral de persoas con diversidade funcional é a de permitir a conciliación familiar nos períodos non lectivos (Semana Santa, verán e Nadal).
Este programa incluirá a realización de actividades inclusivas de carácter lúdico e dinámico, excursións e actividades culturais, ademais de obradoiros e actividades específicas.
A finalidade destas axudas é a de apoiar a aquelas persoas e familias que carecen de recursos económicos suficientes para afrontar unha determinada situación de emerxencia social relacionada coa súa vivenda, coa alimentación básica das persoas integrantes da unidade familiar/de convivencia e outras situacións debidamente acreditadas de necesidade que, de non ser atendidas, poderían derivar en marxinalidade ou exclusión social.
Programa Bono-Taxi: Subvencións destinadas a proporcionar, mediante a utilización da tarxeta de bono-taxi, un medio alternativo de transporte adaptado ás persoas afectadas por graves discapacidades na súa mobilidade.
Servizo educativo e psicosocial de prevención e apoio personalizado, dirixido ás familias (especialmente a aquelas que se atopen nunha situación de vulnerabilidade) e a toda a comunidade.
O PIF atende as problemáticas aparelladas a situacións de risco e de conflito social articulando unha intervención interdisciplinar que favoreza procesos normalizadores para os nenos e as nenas e a súas familias, levando a cabo ademais unha intervención preventiva que impida o posible agravamento do problema detectado.
Obxectivos:
1. Reforzar, estimular e potenciar os recursos persoais das familias, as súas capacidades e habilidades para o correcto desenvolvemento das funcións parentais, fomentando a educación en igualdade e a corresponsabilidade.
2. Pór á disposición das familias atención psicolóxica, recursos e itinerarios socioeducativos.
3. Favorecer a integración, promoción e participación das familias ou unidades de convivencia en todos os ámbitos da vida comunitaria.
4. Previr e atender as situacións que provoquen vulnerabilidade ou risco social, con especial atención aos menores de idade.
5. Promover espazos de encontro de nais e pais enfocados á formación compartida e mellora da educación familiar.
Proxecto destinado a favorecer o coñecemento do patrimonio histórico, cultural e paisaxístico da Eurorexión Galicia – Norte de Portugal a través de excursións de un día organizadas polas asociacións veciñais ou de persoas maiores que o soliciten.
Consiste na posta a disposición dun servizo de autobús de cincuenta e cinco prazas para visitar poboacións de interese na Eurorexión ou asistir a xornadas de convivencia e relación social.
O Servizo de Axuda no Fogar (SAF) é unha prestación básica dos Servizos Sociais Comunitarios que presta un conxunto de atencións a persoas ou unidades de convivencia no propio domicilio para facilitar o seu desenvolvemento e a permanencia no seu medio habitual.
A prestación deste servizo ten carácter de reforzo e non substitúe ás propias capacidades da persoa usuaria e doutras persoas do seu contorno inmediato nin exime en ningún caso á familia das súas responsabilidades.
Obxectivos:
a) Mellorar a calidade de vida das persoas usuarias.
b) Posibilitar a permanencia das persoas no seu contorno de convivencia habitual.
c) Favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio domicilio.
d) Manter, mellorar e recuperar as redes de relación familiar e social.
e) Previr situacións de dependencia ou exclusión social.
f) Retardar ou evitar a institucionalización.
g) Reforzar a solidariedade e potenciar o voluntariado social.
Prestacións que se ofrecen desde o servizo de axuda no fogar:
a) Atencións de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida diaria (coidados persoais, alimentación, etc.).
b) Atención das necesidades de carácter doméstico e da vivenda.
c) Acompañamentos fóra do domicilio (citas e xestións).
A renda de inclusión social de Galicia é unha prestación pública destinada a garantir recursos económicos de subsistencia a quen careza deles, así como a acadar progresivamente a súa autonomía e integración social e laboral, mediante o dereito e o deber de participar en procesos personalizados de inserción con apoio técnico e financeiro do Sistema galego de servizos sociais e do Sistema público de emprego de Galicia.
A renda de inclusión social de Galicia, en canto prestación económica, terá carácter alimenticio, persoal e non transmisible, e non poderá ser obxecto de embargo ou retención nin darse en garantía de obrigas.
Pode consultar toda a información na páxina do RISGA dentro da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.
O programa Xantar na Casa é un servizo de comida a domicilio que pretende facilitar e garantir unha alimentación equilibrada e de calidade adaptada ás necesidades das persoas para cubrir as súas necesidades básicas relacionadas coa compra ou elaboración de menús.
O seu obxectivo principal é mellorar o nivel de benestar e calidade de vida de persoas maiores e/ou dependentes e tamén das súas familias, manténdoas no seu contorno comunitario e atrasando ou evitando a institucionalización.
O programa pode, en ocasións, complementar ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que presta o Concello, para manter ao máximo a capacidade de independencia e autonomía das persoas coa permanencia nos seus propios fogares.
Mediante esta solicitude poderá recibir información sobre dereito de
estranxería relacionada con trámites tales como:
- Regularización en xeral (autorización de residencia, residencia e
traballo, autorización de residencia por circunstancias excepcionais,
etc)
- Renovación de autorizacións de residencia e de residencia e traballo.
- Visados.
- Tarxeta de estudante e traballo dos estudantes estranxeiros.
- Asistencia sanitaria dos estranxeiros en situación regular e irregular.
- Nacionalidade: Adquisición de nacionalidade española, pérdida e
recuperación, dobre nacionalidade.
- Legalización de documentos estranxeiros.
- Homologación de títulos estranxeiros e convalidación do permiso de
conducir.
- Réximen comunitario.
- Infraccións e Sancións: Procedemento de expulsión, devolución, etc
- Asistencia xurídica gratuíta.
- Información legal familiar.
- Prórroga de estancia e autorizacións de regreso.
- Calquera outra cuestión que se poida suscitar en torno a esta materia
Informe emitido pola Administración Local do lugar de residencia da
persoa estranxeira que reside legalmente no pais e que quere traer aos
seus familiares, cónxugue, descendentes menores de idade, e ascendentes.
No informe tense que facer referencia aos seguintes extremos: Título que
habilite para a ocupación da vivenda, número de habitacións, uso ao que
se destina cada unha das dependencias da vivenda, número de persoas que
a habitan e condicións de habitabilidade e equipamiento.
Informe emitido pola Administración Local do lugar de residencia do reagrupante no que se deberá facer referencia aos seguintes extremos: Título que habilite para a ocupación da vivenda, número de habitacións, uso ao que se destina cada unha das dependencias da vivenda, número de persoas que a habitan e condicións de habitabilidade e equipamento.
Este informe é un dos documentos que se deben de achegar á solicitude de autorización de residencia por reagrupación familiar.
O servizo de teleasistencia domiciliaria é unha prestación social de natureza tecnolóxica que, a través dunha liña telefónica e cun equipo de comunicacións e informático específico, permite ás persoas usuarias poñerse en contacto cun centro de atención de chamadas que conta con persoal especializado para dar resposta ás súas necesidades de forma ininterrompida as 24 horas do día e os 365 días do ano.
O servizo municipal xustifícase na necesidade de facilitar unha atención domiciliaria a determinados colectivos especialmente vulnerables como o das persoas maiores, con discapacidades, dificultades de autonomía persoal, carencia de relacións persoais e familiares ou afectados por enfermidades crónicas e outras patoloxías asociadas, sempre que non estean incluídas no sistema de atención á dependencia.
Trátase dun servizo social de carácter normalizador co que se procura a permanencia das persoas usuarias no seu medio habitual evitando internamentos innecesarios en centros e coa tranquilidade de que en calquera situación de risco ou emerxencia serán atendidas con dilixencia.
O título de familia numerosa é o documento que se concede para acreditar a condición de familia numerosa, así como na categoría en que a mesma está clasificada e poder facer uso daqueles beneficios que estean establecidos para este tipo de familias, para o que deberá presentarse este título cada vez que queiran beneficiarse das axudas previstas. O título terá validez en todo o territorio nacional.
Concello de Vigo
Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100