Escudo Concello de Vigo

Actualidade

FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN. MOSTRA DE FONDOS BIBLIOGRÁFICOS E DOCUMENTAIS DA FUNDACIÓN PENZOL

A mostra presenta unha selección dos fondos bibliográficos e documentais que posúe a Fundación Penzol relacionados con Florencio Delgado Gurriarán, escritor a quen a Real Academia Galega dedica o Día
das Letras Galegas de 2022. Unha das mesas estará dedicada á presenza de intelectuais galegos exiliados en México, onde tamén se exiliara o homenaxeado.

 

A selección e organización dos materiais foi realizada polas padroeiras da Fundación Penzol Malós Cabrera e Malores Villanueva, que contaron coa colaboración do persoal técnico da Casa Galega da Cultura, así como de Editorial Galaxia na preparación dalgúns dos materiais gráficos.


A primeira mesa, dedicada aos aspectos biográficos e á súa obra poética, presenta as primeiras edicións dos seus libros —dos anos 1934, 1963, 1981 e 1986—, material gráfico familiar, correspondencia e orixinais manuscritos e mecanoscritos. A segunda dedícase á súa personalidade política, como republicano e galeguista, presentando documentación gráfica e correspondencia, así como a primeira edición do Cancioneiro da loita galega, obra colectiva editada en México, ao seu coidado, en 1943.


A terceira trata do seu seu labor como tradutor e sobre as súas colaboracións en dúas iniciativas da cultura galega no exilio mexicano: as revistas Saudade e Vieiros, ademais dun dos seus escasos textos en prosa e algún exemplo de súa poesía de temática mexicana.


A cuarta mesa estará dedicada ao exilio galego en México, coa presenza de publicacións, material gráfico e correspondencia de relevantes personalidades dese exilio, e unha peaña adicional presentará a edición facsimilar da revista Vieiros.

 

Ademais os asistentes teñen á súa disposición o número 25/2 do boletín Novas Penzol, que recolle as referencias completas, tanto bibliográficas como documentais relacionadas co homenaxeado.

Cando:

Do 21 de Abril ata o 26 de Xuño de 2022

Lugar:

Rúa da Princesa 2

Horario:

Luns a venres, de 9:00 a 14:00 h.

Coincidindo con exposición na sala de exposicións temporais: de luns a sábado de 18:00 a 21:00 h; domingos  e festivos de 12:00 a 14:00 h.

Prezo:

De balde.

Galería de fotos

FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN. MOSTRA DE FONDOS
FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN

Desde o 21/04/2022

Ata o 26/06/2022

Rúa da Princesa 2

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra)

Teléfono Concello de Vigo: 010 - 986810100