Escudo Concello de Vigo

Actualidade

Programación Vigocultura setembro - decembro 2020

Ata o 14-12-2020

Os prezos das entradas para os espectáculos para adultos serán de 8 euros en xeral, 10 euros no caso de Yllana, e os dirixidos a público familiar de 5 euros.

A Concellería de Cultura presenta a programación municipal de artes escénicas "Vigocultura" para o periodo setembro a decembro de 2020; como sempre, trátase dunha programación elaborada desde e por o Concello de Vigo, despois do visionado e selección dos mellores espectáculos ao longo do ano, que pretende seguir consolidando públicos e chegando ao maior número de vigueses e viguesas.

A programación está composta por espectáculos de rúa, monicreques, teatro, comedia, danza, microteatro e circo. Un total de 31 compañías e grupos que realizarán un total de 55 funcións.

Os prezos dos espectáculos seguen a normativa establecida tanto pola Rede Galega de Teatros e Auditorios como polas ordenanzas fiscais municipais. Os prezos das entradas para os espectáculos para adultos serán de 8 € en xeral, 10 € no caso de Yllana, e os dirixidos a público familiar de 5 €.

A partir do mércores 2 de setembro comeza a venda de abonos a través da páxina web de Eventbrite e a partir do 21 de setembro estarán á venda as entradas para espectáculos soltos e a venda presencial. Aínda que neste semestre priorizarase a venda online, estableceranse dous días de venda presencial anticipada na billeteira do propio auditorio, os luns de 18 a 20 horas e os venres de 10 a 13 e de 18 a 20 horas, ou o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo, no despacho de billetes do Auditorio (sempre que houbese entradas disponibles). Como sempre, as entradas, non levan recargo por gastos de xestión e véndense sempre ao mesmo prezo, tanto online como no despacho de billetes.

É importante destacar que as entradas dos espectáculos adiados que tiveron que cancelarse polo COVID non serven para esta nova tempada ao contar con aforos distintos, polo que todas as persoas que aínda non recolleron o reembolso das súas entradas en Discos Elepé poderán facelo ata o vindeiro 30 de setembro na propia tenda de discos.

Cumprimento da normativa covid19 no Auditorio Municipal

O Auditorio Municipal abre as súas portas cun protocolo COVID específico. Un protocolo conservador cuxo único fin é garantir a seguridade de traballadores, artistas, técnicos e público xeral. Poderemos seguir desfrutando das mellores compañías de artes escénicas, con todas as garantías de seguridade.

O aforo do Auditorio Municipal, que en circunstancias de normalidade conta cunha capacidade para 285 persoas, redúcese a 81, garantindo a distancia mínima interpersoal recomendada polas autoridades sanitarias. No caso dos espectáculos para bebés, que se desenvolven no escenario do propio auditorio tan só poderán acceder 20 adultos cos seus bebés.

Será obrigatorio en todo momento o uso da máscara de protección a partir dos 6 anos e recomendable entre os 3 e os 5.

O Auditorio Municipal contará con percorridos independentes de entrada e saída debidamente indicados, así como dispensadores de xel hidroalcohólico.

Priorizarase a compra online e o pago con tarxeta de crédito para evitar no máximo posible o contacto físico e elimínase o punto de venda de Discos Elepé para concentrar toda a venda física no despacho de billetes do propio Auditorio e non se editarán programas en papel, estando dispoñible o código QR de descarga do programa completo.