Escudo Concello de Vigo

Actualidade

Colección de Mobiliario e Artes Decorativas (Museo Municipal de Vigo Quiñones de León) - Exposición Permanente

Evento permanente

Parque de Castrelos s/n. 36213 Vigo

Horario:

Martes a venres: De 10 a 14 horas. Sábados: De 17 a 20 horas. Domingos e festivos: De 11 a 14 horas. Pechado todos os luns, incluídos os festivos, os días 1 e 6 de xaneiro, 24, 25 e 31 de decembro.

Horario dos xardíns: De outubro a abril: de 9 a 20:30 horas. De maio a setembro: de 9 a 22:30 horas. Todos os días da semana.

Gratuíto

O Museo Municipal "Quiñones de León" é unha institución singular en Galicia. A súa sede principal, o Pazo de Castrelos, é unha mostra senlleira da arquitectura nobiliaria galega. Posúe unha valiosa colección artística, arqueolóxica e histórica, coidados xardíns no exterior e un amplo parque ao seu redor. Todo o conxunto, pazo, coleccións, xardíns e parque están catalogados como Ben de Interese Cultural.

O pazo é unha ecreación da vivenda pacega de comezos do século XX con mobiliario de época e un amplo conxunto de artes decorativas (cerámica, alfombras, lámpadas ou reloxos, entre outros). O itinerario polo pazo percorre as súas principais estancias: capela, despacho do administrador, salón de recepción, biblioteca histórica, salón dourado, comedor de Sargadelos, gran escaleira e, no primeiro andar, o salón nobre.

Mobiliario e Artes Decorativas

Máis de 1.000 pezas integran as coleccións deste apartado no que destaca a sección de cerámica e porcelana, con pezas das fábricas de porcelana de Sévres, Limoges, Meissen, Cardiff e Bristol; porcelana oriental ou unha vaixela completa da terceira época da Real Fábrica de Sargadelos. A este patrimonio engádese unha colección que percorre a historia de Álvarez, a fábrica de porcelana e cerámica de Vigo que a mediados do século XX chegou a ser a máis importante de España. Pecha este capítulo unha interesante e moi completa colección de cerámica popular galega integrada por 125 pezas procedentes dos alfares de Buño, Mondoñedo, Bonxe, Gundivós, Portomourisco, Niñodaguia, Tioira, Loñoa das Ondas, Ramirás, Lobios, Meder, Salvaterra de Miño, Guillarei, O Rosal, Cesantes, Bamio e Catoira.

O mobiliario percorre as escolas europeas dos séculos XVIII e XIX, especialmente a francesa (Luís XV, Luís XVI e Imperio). Resultan tamén especialmente salientables os mobles de Maximino Magariños e José Liste, ebanistas galegos a cabalo entre os séculos XIX e XX. As artes decorativas completan o seu catálogo cun repertorio de reloxos, alfombras orientais e españolas, lámpadas, cristalería e obxectos de prata ou bronce.

Museo-Pazo Quiñones de León

Teléfono: 986295070

Parque de Castrelos s/n. 36213 Vigo

Web: http://www.museodevigo.org