Actualidade

Avisos

TRANSPORTE: ARRINCA O SERVIZO DE BUS TURÍSTICO NA CIDADE DE VIGO

Temática: Transporte

Data de publicación: 04-07-2021

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o director de Vitrasa, Carlos González, presentaron esta mañá no Monte do Castro o inicio do servizo do Bus Turístico de Vigo 2021, que estará dispoñible para os usuarios a partir de mañá luns 5 de xullo con catro viaxes diarias de aproximadamente unha hora e media de duración.

O Bus Turístico é unha iniciativa coa que os visitantes e os propios cidadáns de Vigo poden coñecer os puntos máis representativos e emblemáticos da cidade. Durante os últimos cinco anos, este servizo foi empregado por máis de 30.000 turistas. O Bus Turístico convértese nun plan idóneo para todo tipo de visitantes, pero tamén nunha oportunidade para os cidadáns de Vigo de coñecer a súa cidade dende outra perspectiva e durante o que descubrir espazos que tal vez descoñecían.

Algúns dos puntos máis significativos de Vigo que poderán coñecer durante o percorrido son: diferentes edificios de interese histórico, monumento aos cabalos (Praza España), Monte do Castro, monumento Porta do Atlántico (praza de América), parque de Castrelos, Museo Quiñones de León e os seus xardíns, Estadio de Balaídos, a praia de Samil, a zona de Alcabre, o porto pesqueiro, entre outros. Ademáis destes clásicos, os usuarios do turístico poderán ver durante o percorrido a transformación que a cidade experimentou nos últimos tempos cara un modelo máis accesible (rampas de Gran Vía, ascensores, etc.) e cultural (medianeras que amosan o arte mural de Vigo).

Durante o percorrido, o Bus Turístico realizará tres paradas para que os usuarios poidan baixar e realizar fotografías no Monte do Castro, Castrelos e Samil e así levarse os seus propios recordos da cidade.

 

Reserva de billetes

A adquisición do billete para viaxar a bordo do Bus Turístico pode realizarse a través de diferentes vías. Os interesados poderán mercar o seu billete online ata unha hora antes da saída do autobús a través da plataforma viguesa de venta de entradas Woutick!. A ligazón para acceder a plataforma estará dispoñible na páxina web de Vitrasa (www.vitrasa.es) e en Turismo de Vigo (www.turismodevigo.org). Con este sistema, os viaxeiros poden organizar mellor a súa visita á cidade reservando praza no bus para o día e hora que mellor se adapte a súas necesidades. O billete tamén se pode adquirir a pé de bus con tarxeta bancaria a través de TPV ou en efectivo. O prezo do percorrido é de 7,50 euros para os adultos e de 4 euros para os menores de entre 5 e 14 anos. Os menores de 5 anos viaxan gratis.

 

Horarios

O Bus Turístico conta con dúas alturas, teito despregable para mellorar aínda más a viaxe dos usuarios e con audio guías en 8 idiomas diferentes (español, galego, portugués, francés, alemán, inglés, italiano e ruso). Ademais conta cunha praza para Persoas con Mobilidade Reducida (PMR). O servizo, que funcionará todos os días, contará con dúas saídas pola maña ás 10:00 e 12:00 horas e dúas saídas pola tarde, ás 16:30 e 18:30 horas. O servizo arrinca na Estación Marítima de Vigo.

 

Medidas de seguridade a bordo

A empresa concesionaria do transporte público Vitrasa activou, dende o inicio da crise sanitaria, un rigoroso protocolo con diferentes medidas co obxectivo de garantir a seguridade de usuarios e condutores a bordo. Entre as medidas postas en marcha pola empresa destacan a instalación de dispensadores con xel hidroalcohólico en todos os vehículos, a limpeza e desinfección exhaustiva dos autobuses a diario, a colocación de mamparas no posto do condutor, a ventilación coas fiestras permanentemente abertas, a apertura de todas as portas durante os recesos, o control de aforos a través das cámaras instaladas a bordo, etc. Os protocolos de Vitrasa están avalados por AENOR, quen lles outorgou o certificado de boas prácticas contra a COVID-19. Vitrasa recorda aos usuarios do bus turístico que o 100% das prazas están dispoñibles.

 

Recomendacións ós usuarios

Vitrasa lembra aos usuarios e usuarias que é obrigatorio o uso de máscara no interior de todos os vehículos, incluído o Bus Turístico. Outras das recomendacións é evitar as conversas durante a viaxe (incluso por teléfono móbil) e acceder de forma ordenada ao bus. Ademais, non está permitido comer nin beber nos autobuses.

 


 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100