Actualidade

Avisos

TRANSPORTE: CTAG, AVANZA E VITRASA FIRMAN UN ACORDO DE COLABORACIÓN PARA A CREACIÓN DUNHA UNIDADE CONXUNTA DE INNOVACIÓN

Temática: Transporte

Data de publicación: 23-03-2021

O Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), Avanza, primeiro operador privado de España de transporte urbano e metropolitano en autobús, e Vitrasa, empresa concesionaria do transporte urbano de Vigo -pertencente a Avanza- colaborarán na creación dunha Unidade Conxunta de Innovación que ten por obxectivo desenvolver liñas de investigación comúns no ámbito da mobilidade intelixente.

Esta Unidade Conxunta de Innovación abordará diferentes temáticas como son a mobilidade autónoma e conectada, solucións para o transporte urbano autónomo, conectado e eficiente, paradas intelixentes, prioridade e información semafórica, dixitalización de tarefas, Intelixencia Artificial ou novos servizos de conectividade de valor engadido, entre outros.

Para Francisco Sánchez, Director da División de Electrónica e ITS de CTAG, “este acordo permitirá aplicar solucións innovadoras para facer a mobilidade do futuro máis segura, intelixente, sustentable, conectada e autónoma. Nesta colaboración con Avanza e Vitrasa, achegamos a nosa capacidade de innovación e desenvolvemento, e a nosa experiencia en proxectos ao redor da mobilidade urbana, para incorporar á nosa contorna as solucións tecnolóxicas que marcarán a mobilidade do futuro. Ademais, permite consolidar a nosa vocación de cooperación sumando unha nova alianza con empresas de referencia a nivel nacional”.

En palabras de Valentín Alonso, Director Xeral de Avanza, “a mobilidade intelixente é unha nova e revolucionaria maneira de pensar en como nos movemos; máis limpa, segura e eficiente. En Avanza apostamos por fórmulas innovadoras que promovan unha mobilidade sustentable e respectuosa co medio ambiente en todas as cidades nas que operamos no ámbito nacional; desenvolvendo sistemas de información para facilitar os traxectos dos nosos viaxeiros, así como a aplicación de novas tecnoloxías para os responsables de operacións e condutores. Poremos a disposición desta Unidade Conxunta todo o noso coñecemento e recursos para seguir mellorando e pondo en marcha sistemas que favorezan a mobilidade intelixente nas cidades”.

Na firma do convenio de colaboración, que tivo lugar esta mañá nas instalacións de Vitrasa participaron o Alcalde de Vigo, Abel Caballero; Francisco Sánchez, Director da División de Electrónica e ITS de CTAG; Valentín Alonso, Director Xeral de Avanza e Carlos González, Director Xeral de Vitrasa.

Abel Caballero acompañou ás empresas implicadas neste acordo para apoiar o nacemento da Unidade, que considera primordial e de gran importancia para o desenvolvemento das cidades intelixentes, en especial para Vigo.

O convenio terá unha vixencia de tres anos e os tres axentes implicados contarán con equipos profesionais altamente cualificados para o desenvolvemento das actividades que teñan lugar no marco do devandito acordo.

CTAG
CTAG, Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, ten vocación de ofrecer solucións tecnolóxicas avanzadas ao sector do automóbil. Apoia ás industrias do sector en xeral na súa modernización e adaptación ás novas tecnoloxías nos seus produtos e procesos de fabricación. CTAG conta con recursos humanos altamente cualificados e instalacións de vangarda, e está presente en todo o proceso de desenvolvemento produto-proceso, desde as fases iniciais da investigación avanzada ata a validación. CTAG orienta as súas actividades de I+D+i principalmente aos procesos industriais 4.0, os novos materiais, o vehículo eléctrico, o confort avanzado, e sitúase como centro de referencia europeo para a mobilidade intelixente, autónoma e conectada.

AVANZA
AVANZA está integrada en Mobility ADO, compañía multinacional de orixe mexicana, especializada en mobilidade global. A compañía abarca diferentes modalidades de transporte de viaxeiros como o autobús, o metro, o tranvía e a bicicleta, cubrindo todas as necesidades de mobilidade dos seus clientes. A isto, súmanse a xestión de estacións de autobús e de áreas de servizo. Actualmente, é o primeiro operador privado de España de transporte urbano e metropolitano en autobús. Conta cunha frota superior a 2.400 autobuses, xestionada por un equipo de máis de 7.000 empregados. Avanza transporta a máis de 300 millóns de persoas ao ano.


Avanza forma parte da UITP (Unión Internacional do Transporte Público), máximo organismo para a promoción do transporte público de viaxeiros e mobilidade sustentable, con sede en Bruxelas.
En Vigo, a través de VITRASA, xestiona o transporte urbano da cidade, cunha frota de máis de 130 autobuses e transporta anualmente a máis de 22 millóns de viaxeiros.


 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100