Actualidade
Temática: Transporte
Data de publicación: 31-07-2020
Vitrasa pon en marcha, un ano máis, o servizo de Bus Turístico para que os visitantes poidan coñecer nun percorrido de aproximadamente dúas horas os puntos máis representativos e emblemáticos de Vigo. Este servizo que dará comezo o sábado 1 de agosto, cumpre 20 anos na cidade ofrecendo aos visitantes unha viaxe singular dos recunchos máis característicos da cidade. Durante os últimos cinco anos, este servizo foi empregado por máis de 30.000 turistas. En concreto, o ano pasado, subiron ao bus turístico 7.137 persoas durante a tempada estival. O Bus Turístico convértese nun plan idóneo para todo tipo de visitantes, pero tamén nunha oportunidade para os cidadáns de Vigo de redescubrir a súa propia cidade. Durante o recorrido, ademáis de ver os elementos máis característicicos e singulares de Vigo, os viaxeiros poderán coñecer a orixe e gran desenvolvemento da cidade, así como a súa forte vinculación co mar.
Algúns dos puntos máis significativos de Vigo que poderán coñecer durante o percorrido son: Mercado de A Pedra, o porto deportivo, diferentes edificios de interese histórico, monumento aos cabalos (Praza España), monte do Castro, monumento Porta do Atlántico (praza de América), parque de Castrelos, Museo Quiñones de León e os seus xardíns, Estadio de Balaídos, a praia de Samil, a zona de Alcabre, o porto pesqueiro, entre outros.
Durante o percorrido, o Bus Turístico realizará tres paradas para que os usuarios poidan baixar e realizar fotografías no Monte do Castro, Castrelos e Samil e así levarse os seus propios recordos da cidade.
Unha das principais novidades deste ano é a posibilidade de adquirir o billete a pé de bus con tarxeta bancaria a través de TPV, aínda que o pago tamén pode facerse en efectivo. O prezo do percorrido é de 7,50 euros para os adultos e de 4 euros para os menores de entre 5 e 14 anos. Os menores de 5 anos viaxan gratis.
O autobús turístico, está decorado coas principais iconas da cidade: as Illas Cíes, o monumento aos cabalos de Praza de España e edificios históricos da cidade, entre outros, conta con dúas alturas, un total de 8 idiomas para as audio guías e teito despregable para mellorar aínda máis a viaxe dos usuarios. Este ano haberá unha saída pola mañá ás 11.00 horas e outra pola tarde ás 16.30 horas dende a Estación Marítima de Vigo. No autobús, o uso da máscara será de carácter obrigatorio.
Concello de Vigo
Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100