Escudo Concello de Vigo

Actualidade

Avisos

Covid-19: Axudas de emerxencia social, programa de acompañamento telefónico, estacionamento preferente a sanitarios e constitución da Xunta Local de Seguridade

Temática: Covid-19

Data de publicación: 17-03-2020

RESOLUCIÓN SEXTO PAQUETE MEDIDAS COVID-19

Con data 11 de marzo do 2020 a Organización Mundial da Saúde (OMS) declarou o brote de SARS-CoV 2 como pandemia. Por Resolución desta Alcaldía de data 12 de marzo de 2020 acordouse a creación dun Comité de Seguimiento de evolución do COVID-19, coa finalidade de analizar a situación e propoñer a implementación das medidas que se estimen necesarias.

Realizada a reunión constitutiva do Comité na mesma data, propuxéronse unha serie de medidas destinadas a minimizar o risco de contaxio do coronavirus COVID-19, e a protección da poboación e dos empregados municipais, partindo das recomendacións efectuadas polas autoridades administrativas sanitarias. Por sendas Resolucións desta Alcaldía de data 13 de marzo de 2020 adoptáronse acordos de modificación do primeiro paquete de medidas, e de aprobación dun segundo paquete de medidas, que contemplaba, no seu apartado segundo o establecemento do sistema atención presencial na Casa do Concello con cita previa limitado a unha serie de oficinas.

O Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, declaraba a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e activaba o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

Posteriormente por Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, declárouse o estado de alarma para a xestión da situación de crisis sanitaria ocasionada polo COVID-19.

Á vista da evolución das circunstancias, foron adoptándose novas medidas por esta Alcaldía- Presidencia, e neste intre cómpre a adopción de novas medidas propostas na reunión do Comité de Seguimento de data 17 de marzo de 2020 para garantir o cumprimento das indicacións sanitarias e de seguridade formuladas polas autoridades competentes.

No exercicio das competencias que a normativa vixente en materia de réxime local lle confire a esta Alcaldía-Presidencia en canto á dirección da política, o goberno e a administración municipal, así como o establecemento das directrices xerais da acción de goberno municipal e o aseguramento da súa continuidade, contidas no artigo 124.4.a) e c), respectivamente, da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, e Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia, de conformidade coas medidas previamente adoptadas por esta Alcaldía no marco do seguimento da situación e de conformidade co establecido no Real Decreto 463/2020:

RESOLVO

Primeiro.- Instar á área de goberno de Benestar Social a conceder a aquelas familias con nenos e nenas con renda per cápita familiar inferior a 300€, unha axuda de emerxencia para afrontar as necesidades de alimentos dos menores dada a delicada situación socioeconómica.

Segundo.- Instar á área de goberno de Benestar Social a posta en marcha dun programa de acompañamento telefónico ás persoas da terceira edade para evitar os efectos do aillamento.

Terceiro.- Instar á área de goberno de Seguridade á activación do PEMU, coa finalidade de operar como mecanismo de coordinación para o cumprimento polos servizos de intervención municipais das obrigacións impostas polo estado de alerta.

Cuarto.- Habilitar prazas de estacionamento preferente para os servizos sanitarios que presten atención domiciliaria como consecuencia da crise xerada polo COVID-19.

Quinto.- Expedir os documentos identificativos de acreditación para o persoal municipal que non poida desempeñar as súas funcións mediante traballo no presencial.

Sexto.- Dar conta da constitución da Xunta Local de Seguridade.

Sétimo.- A presente resolución terá efectos a partires da súa data e ata o 29 de marzo, sen perxuízo da súa ampliación si así o requiren as circunstancias, conforme á declaración do estado de alarma.

Oitavo.- Dar publicidade deste acordo mediante todos os medios internos e externos dispoñibles, procurando a máxima difusión á cidadanía.