Actualidade

Avisos

Covid-19: Adopción de medidas extraordinarias destinadas á reducción da actividade presencial no Concello de Vigo

Temática: Covid-19

Data de publicación: 15-03-2020

DECRETO DA EXCMA. ALCALDÍA DE ADOPCIÓN DE MEDIDAS EXTRAORDINARIAS DESTINADAS Á REDUCCIÓN DA ACTIVIDADE PRESENCIAL NO CONCELLO DE VIGO

O avance dos contaxios por COVID-19 e o incremento progresivo das medidas de prevención e contención adoptadas polas autoridades sanitarias, entre as que se atopa a promoción do traballo non presencial, fai recomendable diseñar os mecanismos que permitan manter o funcionamento do Concello, á vez que se adoptan as medidas adecuadas para a protección dos seus traballadores e a minimización do risco de contaxios, tanto no ámbito laboral como na sociedade en xeral.

As autoridades sanitarias instaron á adopción inmediata de medidas de distanciamiento no ámbito educativo e laboral e a reducción máxima da mobilidade.

Por Resolución desta Alcaldía de data 12 de marzo de 2020 acordouse a creación dun Comité de Seguimiento de evolución do COVID-19, coa finalidade de analizar a situación e propoñer a implementación das medidas que se estimen necesarias. Con data 11 de marzo do 2020 a Organización Mundial da Saúde (OMS) declarou o brote de SARS-CoV 2 como pandemia.

Realizada a reunión constitutiva do Comité na mesma data, propuxéronse unha serie de medidas destinadas a minimizar o risco de contaxio do coronavirus COVID-19, e a protección da poboación e dos empregados municipais, partindo das recomendacións efectuadas polas autoridades administrativas sanitarias, que foron concretadas en distintas resolucións desta Alcaldía, sinaladamente, na Resolución de data 12 de marzo de 2020, adoptou no seu apartado cuarto a medida de posibilitar sistemas de traballo non presenciais naqueles supostos xustificados polas características e natureza dos postos, así como en base ás situacións de conciliación persoal ou familiar que o aconsellen; o acollemento ao réxime de flexibilidade horaria, e de ser o caso, as reorganizacións do traballo que resulten precisas.

O Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, declaraba a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e se activa o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 e ante a declaración do estado de alarma polo goberno da nación. Por Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, declárase o estado de alarma para a xestión da situación de crisis sanitaria ocasionada polo COVID-19,

Neste marco, e tendo en conta a progresión dos contaxios, nun escenario no que as autoridades sanitarias apelan á responsabilidade social de todos os cidadáns para contribuir á ralentización da propagación da enfermidade, faise preciso adoptar medidas adicionais para contribuir á contención, garantindo sempre o mantemento da prestación dos servicios esenciais do Concello de Vigo.

Por iso, e considerando as actuais recomendacións das autoridades sanitarias e o contido en Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19; e no exercicio das atribucións legais conferidas pola Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, pola presente

RESOLVO:

“Primeiro.- Ordenar que todo o persoal municipal cuxas funcións permitan o seu desenvolvemento a distancia, prestarán o servizo dende o seu domicilio na modalidade de traballo non presencial.

Segundo.- Ordenar que todo o persoal municipal que realice funcións que non podan ser desempeñadas mediante o traballo non presencial deberán permanecer nos seus domicilios, quedando as súas actividades suspendidas temporalmente, salvo que desempeñen funcións de carácter crítico para o funcionamento da Administración municipal.

En todo caso, considérase persoal con funcións de carácter crítico ao persoal directivo, xefaturas de área e xefaturas de servizo, así como o vinculado a funcións tales como a seguridade, o mantemento dos edificios e as comunicacións ou outros servizos relacionados coas tecnoloxías da información e aquel outro que determinen os órganos directivos, xefaturas de Área e de servizo por considerarse necesarios para garantir a continuidade das funcións básicas desenvoltas polo Concello de Vigo.

O persoal con funcións de carácter crítico deberá acudir ás dependencias municipais cando o desempeño das súas funcións así o esixa e en tal sentido se determine.

Terceiro.- Ordenar que, nos casos excepcionais nos que unha función crítica deba desempeñarse de forma presencial, estableceranse os turnos imprescindibles para garantir a prestación do servizo e minimizar ao máximo o risco de contaxios laborais. A distribución destes turnos será fixada polo titular de cada órgano directivo, xefatura de área e de servizo, e comunicada mediante correo electrónico á Área de Recursos Humanos e Formación (ofi.persoal@vigo.org).

Cuarto.- Dispoñer que todos os empregados públicos municipais deberán permanecer localizables e deberán reincorporarse aos seus postos de traballo presenciais si así se lles require por necesidades excepcionais do servizo.

Quinto.- Establecer que as medidas de carácter extraordinario ordenadas terán a duración imprescindible para dar resposta á situación que motiva a súa adopción, e poderán ser revogadas por necesidades excepcionais do servizo e, en todo caso, cando cesen as recomendacións das autoridades sanitarias.”

Documentación

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100