|
 |
Edicións anteriores
Durante os últimos tres anos, o Servicio de Normalización Lingüística do Concello de Vigo vén desenvolvendo o programa ¿Xogas? En galego podemos. O seu obxectivo é ofrecerlles aos nenos e nenas galegofalantes un lugar de encontro e de xogo con outros que tamén teñen como lingua de seu o galego.
Na edición da primavera de 2002, as actividades chegaron a un milleiro de cativos e cativas viguesas, de idades comprendidas entre os 4 e os 10 anos, en sesións repartidas entre o centro da cidade, Coia e Bouzas. Os nenos e nenas aprenderon o que era un bonsai e como se coidaba, a maquillarse, a facer pulseiras ou a comprobar qué divertido pode chegar a ser un paracaídas en terra. Ademais, aproveitáronse os espacios abertos para desenvolver estas actividades lúdicas.
Unha das actividades realizadas nestes anos foi Achegándonos á montaña, coa colaboración do club vigués Montañeiros Celtas. Nesta iniciativa, os rapaces e as rapazas aprenderon a montar correctamente as tendas de campaña, a facer nós, a coñecer o material que deben levar cando vaian de excursión ou camiñada ao monte e a orientarse nun mapa, por rastros e cun compás. Tamén se impartiron nocións de escalada indoor (o material básico, os movementos, as precaucións...)
Festa
Presentación do programa de dinamización lingüística. Hai unha zona de obradoiros de maquillaxe para que todos os nenos e nenas pinten a cara, obradoiros de colaxe con materiais variados e xogos populares como bolos, aros, chapas ou buxainas. Novos e grandes xúntanse ao final da xornada para participar no xogo co paracaídas.
¿Xogas cando vai frío?
O xogo do rastrexo consiste en superar probas que dan a coñecer cancións e danzas relacionadas coas estacións do ano e os fenómenos meteorolóxicos. É necesario superar unha proba e adquirir novo vocabulario para pasar á seguinte. Fanse tamén obradoiros de cucuruchos de castañas e de "mordetodos".
¿Xogas con cousas?
Xogos de presentación. Obradoiros de colgantes e de maquillaxes. Xogos cooperativos, coma o moucho-carballo-lume, sobre o corpo humano ou o dos raposos máxicos. Xogos populares, coma o do dous panos, o do xornal. Xogos de distensión, coma o da mente rápida, o da maquillaxe a cegas, recitar refráns coa boca chea... Cancións (a vaca leiteira, a tenda dos churros)
¿Xogas ao grande?
Mediante adhesivos identificadores realízanse xogos de acollida e presentación dos participantes. O parchís humano e un enredo xigante serven para coñecer e aprender os nomes das partes do corpo. Hai un obradoiro de confección de marcapáxinas e outro de mímica e representación de oficios. Un baile participativo será a despedida.
Obradoiros
-Obradoiro de traballos manuais, para a construcción de figuriñas de Nadal.
-Contacontos: un conto creativo, en que os miúdos colaboran para facelo e para rematalo.
-Xogos: carreiras cun paracaídas, "chiste ou proba" (os nenos e as nenas teñen que unirse rapidamente a dous compañeiros cando acaba a música do baile), ou a bomba (os nenos e as nenas, en roda, vanse pasando unha bóla tentando que non lles colla nas mans cando un compañeiro seu remate a conta atrás).
-Bingo de nomes, obradoiros de reciclaxe, o xogo da ra, o pano, as chapas... |
 |
 |