vigohoxe  
Nunca mais
Dispositivo municipal Voluntariado Limpeza Axudas Aves Mapa Noticias Ligazóns Agradecementos Hemeroteca


Noticias

Recoñecemento aos empresarios colaboradores na limpeza da marea negra
25/03/2003
O alcalde, Lois Castrillo, entregoulles unha placa aos empresarios que cederon productos para os voluntarios na limpeza da marea negra.

A Comisión de Goberno designa os vigueses distinguidos deste ano
17/03/2003
Co galardón para as confrarías de pescadores da ría de Vigo recoñécese o abnegado traballo realizado por toda a xente do mar para defender a nosa costa da marea negra.

Unha comisión desenvolverá accións concretas do plan de dinamización proposto trala marea negra
19/2/2003
A Corporación aprobou, por unanimidade, que se constitúa unha comisión especial co obxecto de inserir Vigo e a súa área no Plan Galicia. Esta comisión adoptará como liña orientativa dos seus traballos as propostas do documento de avance do Plan Estratéxico de Vigo e as suxestións destinadas ao desenvolvemento industrial e comercial, rexeneración ambiental, investigación, fomento do emprego e turismo. Ademais, convocarase ao Consello Económico e Social e remitiráselle este acordo á Xunta de Galicia e Goberno central.

O programa "Mar á vista" incidirá na educación ambiental dos escolares vigueses trala marea negra
17/2/2003
As concellerías de Educación e Medio Ambiente colaboran no programa "Mar á vista" dirixido a nenos de 5º e 6º de primaria co fin de sensibilizalos no coñecemento, respecto e protección dos valores naturais e patrimoniais do medio mariño. A apertura das actividades será o martes 18 de febreiro ás 11:30 no Museo do Mar.

Unha guía didáctica das illas Cíes achegaralle ao alumnado valores de preservación do ambiente
13/2/2003
A Concellería de Educación editou unha guía didáctica sobre o Parque nacional das Illas Atlánticas destinada ao alumnado e profesorado que realiza as visitas programadas polo Instituto Municipal de Educación. "Esta publicación inclúese no traballo de recuperación das illas Cíes trala marea negra e no xurdimento dunha conciencia colectiva para que nunca máis volva acontecer algo semellante e deixar constancia da necesidade de poñer tódolos medios dispoñibles para evitar catástrofes semellantes", afirmou a concelleira Ana Gandón.

Comunicado do consello municipal da Muller sobre a marea negra
13/2/2003
As organizacións de mulleres representadas no Consello Municipal da Muller de Vigo piden a DEMISIÓN dos responsabeis.

Entrega dos premios "Galegas destacadas" ao labor feminino ante a marea negra
7/2/2003
A asociación de mulleres "Diálogos 90" entregará os premios "Galegas destacadas 2002", adicado este ano ao labor das mulleres perante a marea negra, no transcurso dunha recepción oficial que se celebrará o sábado 8 de febreiro ás 13:00 nas dependencias da Alcaldía.

O alcalde abre o seminario de reflexións xurídicas sobre o caso "Prestige"
6/2/2003
Discurso de Lois Castrillo

Operarios municipais recollen restos de fuel chegado ás praias viguesas
4/2/2003
Un equipo de 45 operarios municipais realizou labores de recollida de restos de fuel en varias praias do municipio. Viuse afectado o litoral vigués desde o Cocho das Dornas (Alcabre) ata Saiáns debido ao forte mar de fondo que provocou o depósito de manchas nos areais.

Mergulladores dos bombeiros localizan o fuel dos fondos mariños da ría
3/2/2003
Quince mergulladores profesionais do corpo de bombeiros realizan labores de localización de manchas de fuel nos fondos mariños das illas Cíes e no interior da ría. No seu traballo no litoral vigués comprobaron as inmediacións de Toralla e da Guía e destacaron a ausencia de restos de vertido.

O Concello pediralle ao Goberno un millón e medio de euros polos gastos de limpeza da marea negra
28/1/2003
O Concello de Vigo avalía en 1.394.075 euros o custo da rexeneración do litoral do municipio despois da marea negra. Nesa estimación inclúense os gastos realizados ata agora pola administración municipal nas tarefas de limpeza das praias viguesas e a previsión do custo dos traballos necesarios para rexenerar totalmente o litoral e sanear os fondos mariños. O Concello remitiulle xa este proxecto á Subdelegación do Goberno para acollerse á orde do Ministerio de Administracións Públicas que prevé a concesión de axudas para a recuperación de zonas contaminadas polos vertidos do "Prestige".

O Goberno municipal rexeita o Plan de impulso de Galicia anunciado polo Consello de ministros
27/1/2003
O Goberno municipal aprobou unha moción destinada a rexeitar o Plan para o impulso de Galicia anunciado polo Goberno central, pola falta de concreción nos prazos de execución e nos contidos dos proxectos que inclúe, pola ausencia de consignación presupostaria para realizalo, porque non recolle o conxunto de medidas necesarias para garantir o despegue económico de Galicia, por non estar consensuado coas forzas políticas e sociais do noso país e por excluír das axudas moitas comarcas afectadas pola marea negra.

Castrillo afirma que a World Fishing servirá para relanzar o sector pesqueiro trala marea negra
23/1/2003
O alcalde, Lois Castrillo, presidiu a constitución da comisión de seguimento da World Fishing Exhibition Vigo 2003. Castrillo afirmou que é necesario preparar a cidade para que este evento sitúe a Vigo nunha dimensión de carácter universal como unha cidade capaz de recuperarse dunha traxedia como a marea negra.

Máis de 500 músicos tocarán en Vigo en solidariedade cos afectados pola marea negra
23/1/2003
A Federación de Bandas de Música Populares de Vigo actuará o domingo 26 de xaneiro ás 12:00 na praza do Rei seguindo a convocatoria da Confederación Española de Sociedades Musicais na que 70.000 músicos tocarán en solidariedade cos afectados polo desastre do "Prestige".

O Goberno municipal aprobará exencións fiscais para os sectores afectados directamente pola marea negra
22/1/2003
O Goberno municipal proporalle ao pleno da corporación unha modificación das Ordenanzas Fiscais que inclúe bonificacións para os sectores sociais con menos recursos económicos e medidas de apoio á creación de emprego e ás empresas máis afectadas pola crise do "Prestige".

Unha exposición recadará fondos para a limpeza da marea negra
22/1/2003
A Casa das Artes acolle, desde hoxe e ata o próximo día 2 de febreiro, unha exposición subhasta coa que se pretenden recadar fondos para continuar coa limpieza da costa galega, afectada pola marea negra do "Prestige".

Limpeza de restos de fuel chegados a Samil
21/1/2003
Durante toda a mañá 80 persoas, entre operarios municipais e voluntarios xestionados polo Concello de Vigo, recolleron pequenas boliñas de fuel arrastrado polo mar nas praias da Fonte e de Samil.

A Corporación aproba accións encamiñadas a paliar o impacto económico da marea negra
20/1/2003
O pleno da Corporación municipal aprobou un acordo elaborado polo Consello Económico e Social no que se recollen propostas de medidas para paliar o impacto económico do "Prestige". O documento salienta que as institucións e a sociedade viva permanezan unidas para lograr que as consecuencias socio-económicas do desastre sexan as menores posibles, e que este desastre non só non nos suma na desesperación ou no pesimismo senón que nos sirva de acicate para seguir impulsando e diversificando a nosa economía e que esta siga a liderar a da eurorrexión.

O CES debaterá as propostas do Goberno municipal para paliar os efectos da marea negra
15/1/2003
O Goberno municipal someterá o venres á consideración do Consello Económico e Social un documento no que se recolle un conxunto de medidas que se consideran necesarias para a reactivación social e económica da área de Vigo trala marea negra. No documento faise unha relación das actuacións que deben impulsar as distintas administracións para crear unhas condicións que permitan relanzar a economía de Vigo tralos efectos negativos da catástrofe.

O Goberno vigués reclamará ao Goberno central e á Xunta os gastos de limpeza da marea negra
14/1/2003
O Goberno municipal incluiu nos presupostos de 2003, aprobados hoxe, unha partida para cuantificar os gastos xerados polos traballos de limpeza da marea negra e polas medidas preventivas adoptadas. Nesa partida imputaranse os gastos que se están producindo, coa finalidade de solicitarlle a correspondente compensación aos Ministerios de Medio Ambiente e Fomento ou á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, en función das competencias que lles correspondan a cada un destes órganos.

Persoal municipal recolle pequenas bolas de fuel en praias de Vigo
9/1/2003
Traballadores dos servicios municipais recolleron pequenas bolas de fuel que o mar arrastrou ata praias viguesas, probablemente dende os fondos de Cíes. Estas bolas, do tamaño aproximado dun garabanzo, chegaron aos areais do Vao, Foz do Lagares, o Portiño e Fuchiños empurradas polo mar de fondo entre algas e outros materiais.

O alcalde pídelle ao Goberno que conte con Vigo para decidir as medidas compensatorias da marea negra
7/1/2003
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, reclamoulle ao Goberno que consulte aos concellos do sur de Galicia as medidas compensatorias pola marea negra. Castrillo considera que o Goberno central non só debe ocuparse de rexenerar as zonas do litoral contaminadas e de compensar aos sectores directamente afectados, senón que ademais debe poñer en marcha accións estratéxicas que faciliten o desenvolvemento económico de toda Galicia. O alcalde vigués esixe que antes de aprobar medidas deste tipo se consulte aos concellos afectados e sinala que sería un grave erro marxinar ao sur de Galicia no reparto de axudas ou investimentos.

O Concello dota do material necesario á tripulación dun buque do Instituto Oceanográfico
7/1/2003
O Concello de Vigo dotou do equipamento e material necesarios á tripulación do "Vizconde de Eza", buque do Instituto Oceanográfico de Vigo, que partiu cara a foxa onde se afundiu o "Prestige" co obxectivo de investigar os efectos do vertido de fuel procedente do petroleiro. Persoal da Universidade de Vigo será o encargado de desenvolver a investigación a bordo do buque.

O Concello de Vigo súmase á manifestación musical da Plataforma "Nunca máis"
3/1/2003
Burla negra", integrada na Plataforma "Nunca máis", realiza un chamamento para que os vigueses asistan á mobilización prevista para o 6 de xaneiro ás 18:00 na praza do Rei en repulsa pola xestión do Goberno ante a marea negra provocada polo "Prestige".

O mal tempo obriga a suspender o traballo dos voluntarios en Cíes
27/12/2002
A persistencia do mal tempo levou ao Gabinete de Emerxencia do Concello de Vigo a suspender o traslado de voluntarios ás illas Cíes ata a vindeira semana. O mal estado do mar, que impide o desembarco con seguridade nos peiraos da illa de Monteagudo, xa motivou que se suspendera o envío de voluntarios o xoves e hoxe venres. As previsións non anuncian unha mellora nas condicións meteorolóxicas, polo que o Concello optou non enviar máis voluntarios ata a próxima semana.

O Concello secunda a convocatoria de Nunca Máis realizando un apagón en varios puntos da cidade
27/12/2002
O Concello de Vigo súmase á noite do 27 de decembro do 2002 á convocatoria da plataforma Nunca Máis realizando un apagón de cinco minutos, entre 22:00 e 22:05 no alumeado público da porta do Sol, a praza da Princesa e a praza do Rei. Deste xeito simbólico, o Concello vigués quere manifestar a súa protesta polos acontecementos que se sucederon tralo accidente do Prestige e a súa solidariedade cos afectados pola marea negra.

Mocións aprobadas sobre a marea negra
21/12/2002
Pleno ordinario do mes de decembro

Os voluntarios do Concello continúan limpando a praia de Figueiras, en Cíes
20/12/2002
Os voluntarios que o Concello de Vigo envía cada día ás illas Cíes están a centrar o seu traballo na limpeza da praia de Figueiras. Os equipos de traballo tentan recuperar as "galletas" de fuel que están agochadas baixo a area. Para iso utilízanse unhas cribas proporcionadas polo Concello coas que os voluntarios peneiran a area ata atopar as minúsculas bolas de fuel que soterrou a acción das mareas. Este método, moi laborioso, é o recomendado polos expertos franceses na loita contra mareas negras que asesoraron ao Concello. Aínda que moi lento, este sistema evita que se cause un grave prexuízo ás praias retirando grandes cantidades de area con maquinaria.

O Concello de Vigo ofrécelle voluntarios á Xunta de Galicia
19/12/2002
O alcalde, Lois Castrillo, ofreceulle os voluntarios inscritos no Concello de Vigo á Xunta de Galicia tralo anuncio da coordinación dos labores de limpeza do litoral.

O programa ‘Noites Vivas’ súmase á campaña ‘Nunca Máis’ con mesas informativas en tódalas sedes
19/12/2002
O programa das Noites Vivas da Concellería de Xuventude sumouse á campaña Nunca Máis contra a marea negra do Prestige coa instalación de mesas informativas en tódalas sedes. Nestas mesas pódese atopar un dossier informativo sobre o voluntariado e toda a información sobre a marea disponible en internet, follas de anotación de voluntarios, lazos negros para se poñer na roupa como símbolo de solidariedade e unha libreta onde os mozos poden escribir as súas opinións e sentimentos sobre a catástrofe.

O alcalde agradece a comprensión manifestada polo Príncipe de Asturias ante o estado de tensión social que se vive en Galicia
18/12/2002
O alcalde de Vigo agradeceu publicamente a comprensión manifestada polo Príncipe de Asturias ante o clima de tensión que se está a vivir estes días en Galicia como consecuencia da marea negra. Lois Castrillo pediulle onte disculpas persoalmente ao Príncipe porque a súa visita ao Museo de Arte Contemporánea se vise acompañada dunha manifestación. O alcalde explicou que a Súa Alteza Real era coñecedor de que as protestas non ían dirixidas contra el e que entendía o clima de crispación social existente.

Recital: "Os poetas de Vigo con Galicia. Nunca Máis"
18/12/2002
A concelleira Carmen Martínez-Corbalán e Carlos Bernárdez, vicepresidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, presentaron o recital poético "Os poetas de Vigo con Galicia. Nunca Máis" que se celebrará o venres 20 de decembro ás 20 horas no auditorio do Marco.

Lois Castrillo: "O prioritario agora é frear a saída de fuel do Prestige"
17/12/2002
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, considera que nestes momentos é prioritario poñer en marcha medidas que freen a saída de fuel do Prestige. O rexedor vigués estima que se non se buscan solucións a ese problema con urxencia, Galicia estará condenada a sufrir mareas negras por un periodo indefinido.

O alcalde reclámalle ao Goberno un plan para extraer fuel do Prestige
13/12/2002
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, esixiulle ao Goberno central que poña en marcha un plan para extraer o fuel que permanece nos tanques do Prestige, afundido a máis de tres mil metros de profundidade fronte ás costas galegas. Castrillo considera que non se pode condenar a Galicia a continuar recibindo durante meses mareas negras procedentes do barco.

Unha delegación dos Verdes interésase pola situación en Vigo
13/12/2002
Os responsables do Partido dos Verdes en Portugal trasladáronse a Vigo para amosar a súa solidariedade e coñecer o funcionamento do gabinete de crise do Concello. Santiago Domínguez explicou que viñeron para comprobar a situación actual e as medidas adoptadas para minimizar os danos do vertido de fuel.

Castrillo pídelles aos sindicatos que presionen a Unión Europea para evitar o tráfico incontrolado de mercadorías perigosas
13/12/2002
O alcalde, Lois Castrillo, pediulles aos sindicatos que trasladen ás centrais europeas a petición de que emprendan accións ante as autoridades da Unión Europea para evitar que se continúe realizando o transporte marítimo incontrolado de mercadorías perigosas.

Concerto de solidariedade Galicia-Bretaña
13/12/2002
O pavillón das Travesas será o escenario do concerto solidario Galicia-Bretaña que organiza o Concello de Vigo a prol dos afectados pola marea negra do Prestige e para axudar a cubrir as necesidades urxentes dos voluntarios de limpeza. As oito e media da tarde dará comezo o concerto no que participan Carlos Núñez, o francés Dan Ar Braz e o bretón Gilles Servat, entre outros.

Os barcos conseguen recoller a mancha de fuel que ameazaba as praias do sur de Vigo
11/12/2002
A mancha de fuel que se localizou esta mañá a unhas dúas millas de cabo Estai puido ser recollida polos barcos que se achegaron á zona. A mancha ameazaba con chegar aos areais do sur do municipio. Tras ser detectada, o Concello puxo en marcha o seu dispositivo de emerxencia para frear o fuel antes de que se aproximase aos areais.

Castrillo pídelle ao Goberno barcos succionadores para a ría de Vigo
10/12/2002
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo dirixiuse hoxe ao goberno para reclamar que se reforce a presencia de barcos succionadores de fuel na boca das Rías Baixas. Nun escrito dirixido ao vicepresidente do Goberno, Mariano Rajoy, o alcalde vigués explica que ten informacións contrastadas da presencia de grandes masas de fuel fronte á ría de Vigo que o vento podería empurrar nun prazo breve de tempo cara a costa.

O Concello de Vigo esixe medidas urxentes para evitar a chegada doutra marea negra
09/12/2002
O Goberno municipal convida aos vigueses a participar na manifestación convocada pola plataforma Nunca Máis.

Material distribuído polo Concello ata o domingo 8 de decembro
08/12/2002
Ademais de fornecer aos nosos voluntarios, dende o Concello de Vigo se subministrou material de todo tipo a Parques Nacionais, á confraría de Vigo, ao Concello de Baiona, aos mariñeiros de Aldán e incluso ao exército, concretamente aos infantes de mariña que o venres limparon na illa de San Martiño.

Lois Castrillo afirma que os traballos de limpeza da marea negra durarán meses
07/12/2002
O alcalde de Vigo asegurou que os traballos de limpeza da marea negra van durar meses. Lois Castrillo dixo que os informes técnicos de que dispón indican que aínda pode chegar máis chapapote ás nosas costas. Por iso pediulle aos voluntarios que non acudan ao litoral de forma desordenada e que o fagan organizadamente. O Concello segue apuntando voluntarios a través da Oficina Municipal de Voluntariado e das organizacións colaboradoras como ERVA, Adega ou a Federación de Veciños. As persoas que figuran nesas listas son chamadas por orde para participar nas tarefas de limpeza das illas Cíes.

Chamamento do Concello aos voluntarios
06/12/2002
O Concello de Vigo realizou hoxe un chamamento ás persoas que desexan colaborar nos traballos de recuperación do litoral para que non acodan aos puntos de limpeza se non están en grupos organizados pola administración municipal. O Concello insiste en que os voluntarios deben apuntarse nas listas abertas na Oficina Municipal de Voluntariado para que sexa posible coordenar o seu traballo e dotalos dos equipos necesarios.

O alcalde louba a loita dos mariñeiros contra a marea negra
05/12/2002
Temos a mellor xente do mundo". Con esta frase o alcalde de Vigo agradecía o traballo dos centos de mariñeiros que durante as últimas horas traballaron na boca da ría para evitar o avance da marea negra. Lois Castrillo loubou a abnegación demostrada polos integrantes das confrarías da ría e afirmou que foron eles os que conseguiron frear a progresión das manchas: "os nosos medios son o esforzo dos voluntarios que traballan no mar".

O Concello ultima os preparativos para a chegada da marea negra
04/12/2002
O Concello de Vigo ten preparado un milleiro de persoas para actuar no caso de que a marea negra chegue ao litoral do municipio. O persoal municipal está organizado en brigadas para distribuírse polas praias en canto se detecten manchas de chapapote. Ante a falta de axudas das administracións autonómica e central, o Concello forneceuse de colectores para recoller fuel. Tamén se adquiriu material como traxes de auga, luvas, mascariñas, capachos, pas...

O gabinete de emerxencia chamará os voluntarios para a coordinación da limpeza de areais
04/12/2002
O Concello organizou unha charla para o voluntariado co fin de ofrecer información sobre a actuación coordinada que se desenvolverá no caso de que o fuel procedente do Prestige entre no litoral vigués. Ademais do persoal municipal dispoñible, composto por 1.000 operarios, os voluntarios serán citados nun lugar concreto onde o Gabinete de Emerxencia do Concello de Vigo lles facilitará o equipo necesario e as indicacións precisas para a limpeza dos areais.

O Concello de Vigo establece a alerta máxima ante a proximidade da marea negra
03/12/2002
O Concello de Vigo está en situación de máxima alerta ante a proximidade da marea negra do Prestige. O alcalde, Lois Castrillo, manifestou unha especial preocupación polas illas Cíes, o punto que segundo os expertos podería ser o primeiro dos afectados no caso de que as manchas de fuel avanzasen cara a ría de Vigo.

O alcalde convida os vigueses a sumarse á manifestación contra o desastre provocado polo "Prestige"
29/11/2002
Comunicado do alcalde, Lois Castrillo, para animar os cidadáns a participar no acto convocado pola plataforma "Nunca máis" o domingo 1 de decembro ás 12:00 na alameda de Santiago de Compostela.

Mocións sobre o desastre ecolóxico provocado polo petroleiro Prestige
25/11/2002
Pleno ordinario da Corporación municipal do mes de novembro.

Constitúese a Plataforma do Voluntariado de Vigo
25/11/2002
Dende que a mancha de fuel oil procedente do "Prestige" amenaza as nosas costas, a Oficina Municipal de Voluntariado da Concellería de Participación Cidadá é testemuña da boa disposición para colaborar que teñen os vigueses que están preocupados pola situación que se está a vivir en toda Galicia.

O alcalde esixe a adopción de medidas preventivas para evitar a chegada da marea negra
21/11/2002
O alcalde, Lois Castrillo, criticou a ausencia de medidas adoptadas polas autoridades competentes para evitar que a maior potencia pesqueira e marisqueira de Europa se vexa afectada polo vertido do petroleiro "Prestige". Castrillo reclamou a busca da axuda internacional necesaria para frear a chegada da marea negra ás costas das Rías Baixas ou alomenos paliar os seus efectos.

A xunta de voceiros esixe barreiras de protección que impidan o avance da marea negra cara a ría
20/11/2002
A xunta de voceiros mostrou a solidariedade do pobo de Vigo e da corporación cos cidadáns dos concellos da costa galega que padecen as consecuencias da traxedia ocasionada polo petroleiro Prestige. Ademais, esixiu a instalación das barreiras de protección axeitadas que impidan o avance da marea cara o interior da ría de Vigo.

Castrillo crea un gabinete de emerxencia para paliar os efectos dunha posible marea negra na ría de Vigo
19/11/2002
O alcalde, Lois Castrillo, explicou que o Concello de Vigo constituiu un gabinete de emerxencia para coordinar os medios humanos e materiais dispoñibles para afrontar as posibles consecuencias da chegada á ría do vertido do petroleiro "Prestige".


 


© Concello de Vigo