Vigo está ben comunicada gracias a unha completa rede de infraestructuras que conectan a cidade cos principais núcleos urbanos galegos, peninsulares e mesmo internacionais. O seu porto atlántico, o seu aeroporto, as autoestradas e autovías e o camiño de ferro permiten a existencia dunha oferta de transporte para todos os gustos e todas as posibilidades. Por estrada: hai tres grandes viais para chegar a Vigo. A autovía do Noroeste conecta a cidade con Madrid e a meseta, a través de 667 quilómetros de calzada. A autovía das Rías Baixas discorre dende Vigo ata a autoestrada do Norte de Portugal, pasando por Tui, Braga, O Porto, ata enlazar con Lisboa. Esta autovía conéctase coa autoestrada Vigo-Baiona. Por último, a Autoestrada do Atlántico comunica a cidade co norte de Galicia, a través de Pontevedra, Santiago e a Coruña. En autobús: a estación de autobuses está situada na Avenida de Madrid. As principais conexións enlazan Vigo con Madrid, Barcelona, Bilbo-Donostia-Irún, Asturias-Cantabria, O Porto-Lisboa e Vitoria-Pamplona. Tamén conta con rotas internacionais con Bélxica, Holanda, Alemaña, Polonia, Inglaterra, Francia e Marrocos. En tren: a estación de ferrocarril atópase no centro da cidade, no barrio de Casablanca. Ademais de enlazar coas cidades veciñas (hai varias conexións diarias con Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña e O Porto), a oferta inclúe expresos e talgos cada día con Madrid e Barcelona e trens directos a León, Irún e Ponferrada. En barco: o porto vigués recibe cada ano milleiros de pasaxeiros de cruceiros. No tocante ás travesías domésticas, entre o 15 de xuño e o 15 de setembro, e máis en Semana Santa, realízanse rotas diarias ás Illas Cíes e excursións pola ría. Durante todo o ano hai transporte horario ás localidades de Moaña e de Cangas do Morrazo. Os billetes poden adquirirse na Estación Marítima, na rúa Cánovas del Castillo. En avión: o aeroporto de Peinador está situado a 10 quilómetros do centro da cidade. Conta cunha ampla oferta de viaxes regulares a Madrid, Barcelona, Bilbo, Canarias, Alacante, Sevilla, Valladolid, París, Copenhague e Frankfurt, ademais dos voos chárter. |
|
