Medio Ambiente

'E máis' - Vigodiversidade

A ONU declarou a este ano 2010, o ano Internacional da Biodiversidade no que se organizarán innumerables iniciativas en todo o mundo para difundir información, promover a protección da diversidade biolóxica e alentar ás organizacións, institucións, empresas e público en xeral a tomar medidas directas para reducir a perda constante da diversidade biolóxica global.

Por iso, a Concellería de Medio Ambiente, Sanidade e Consumo quixo sumarse este ano como moitas outras institucións, países e organismos á campaña de sensibilización posta en marcha promovendo iniciativas e programas dirixidos a sensibilizar á poboación viguesa da necesidade de coidar o medio no que vivimos.

Esta iniciativa pretende dar a coñecer á poboación infantil de 5º e 6º curso de primaria estes principios básicos, concienciando nestas idades tan relevantes para a educación ambiental, sobre aspectos como a importancia da conservación da biodiversidade e os medios de conseguila.

Con estas premisas a Concellería levará a cabo varias actividades nas que convivirán 50 nenos da zona dos Ancares con 150 do municipio de Vigo nos espazos de VigoZoo e o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Inscricións

Dende o 3 ao 9 de maio, por rigurosa orde de inscrición.

Os interesados deberán realizar os seguintes pasos:

  1. Preinscrición por teléfono no 986 267 783 (Departamento de Educación de Vigo Zoo), facilitando os datos que lle soliciten de 15:30 a 20:00 horas dende o 3 ao 9 de maio. (As datas de preinscrición poden modificarse por causas alleas á organización).
  2. Confirmar en persoa a inscrición no despacho de billetes de VigoZoo, os días laborables no horario de apertura do parque e os sábados, domingos e festivos en horario de 10 a 15 horas, asinando o consentimento informado e validando os datos recollidos na preinscrición.
  3. Entregar no despacho de billetes de VigoZoo a documentación solicitada no momento da validación dos datos: (fotocopia da tarxeta sanitaria do participante), nos prazos indicados.
  4. O último día de confirmación da inscrición no despacho de billetes de VigoZoo e a entrega de documentación será o domingo 9 de maio de 2010.

Consideracións

  • A preinscrición telefónica debe formalizarse coa entrega da documentación en VigoZoo para confirmar a reserva da praza.
  • En cada chamada só poderán anotarse os/as rapaces/as de 9 a 11 anos de idade da mesma unidade familiar ou residentes no mesmo enderezo.
  • Anotaranse 20 prazas de reserva para poder suplir calquera baixa por enfermidade ou causa maior que implique anular algunha praza. Entre o 10 e 11 de maio a organización porase en contacto telefónico coas persoas anotadas nesta reserva e informará se dispoñen da praza ou non.
  • É necesario que os participantes admitidos leven consigo a tarxeta sanitaria durante todo o transcurso dos días de campamento.

Consideracións importantes para os pais/nais/titores dos rapaces

  • O programa é gratuíto. A Concellería de Medio Ambiente, Sanidade e Consumo de Vigo encárgase de asumir os custos da viaxe en barco, aloxamento, realización de talleres, almorzo, comida e cea durante todo o programa. Por este motivo non é recomendable que os rapaces leven cartos entre as súas pertenzas, porque non os van a precisar e ademais non terán onde gastalos.
  • A inscrición no programa farase unicamente en VigoZoo, seguindo os pasos indicados nese apartado.
  • Cada rapaz debe levar calzado cómodo para camiñar, roupa para tres días e unha prenda de abrigo, ademais de unha toalla e os accesorios persoais que os pais/nais consideren preciso. Debe levar tamén un saco de durmir e esterilla o máis profunda posible para facilitar o seu descanso axeitado.
  • Os pais/nais deben informarnos no espazo correspondente na plantilla de inscrición de calquera alerxia alimenticia ou de contacto, intolerancia alimenticia, discapacidade, lesión ou incidencia dos rapaces relacionada coa práctica de actividade física, acceso ao espazo natural, transporte en barco dende Vigo ás Illas, etc.
  • Se os rapaces non están afeitos a viaxar en barco, é recomendable que o día 15 de maio non almorcen con moito líquido, e inxiran alimentos con certa consistencia, como torradas de pan. Se ademais son propensos a marearse nos traxectos en coche, consulten no seu médico de familia si é preciso que tomen para esa xornada unha pastilla para evitar o mareo.
  • Non esquezan facilitarnos na plantilla de inscrición un número de teléfono móbil de contacto que esté operativo dende o 14 ao 17 de maio, en caso de que precisemos chamalos por calquera incidencia. Neste aspecto é mellor ser precavidos e contar con ese número por si fixera falta.
  • Si algún rapaz precisa tomar algunha medicación especial, os pais/nais deben informarnos no apartado correspondente da plantilla de inscrición que cubrirán en VigoZoo. Se houbese algunha cuestión de carácter persoal da que debamos estar informados, poden poñerse en contacto co responsable do programa no teléfono 680 554928.

 

 

 

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100