Cultura

Gabinete de Ramón Piñeiro

Instalado na Fundación Penzol, reproduce o gabinete no que Ramón Piñeiro recibía en Santiago, na rúa Xelmírez, 15, aos que se achegaban a el para conversar ou recoller os seus consellos e opinións.

 Ramón Piñerio é unha das figuras máis sobranceiras de Galicia dos últimos tempos. De mozo ingresou no Partido Galeguista e logo da Guerra Civil comprometeuse na clandestinidade na restauración do Partido Galeguista, polo que sufriu prisión.

 Fundador e Director Literario de Galaxia, exerceu un grande influxo nas xentes mozas nos anos escuros, recibindo no seu gabinete a moitos estudantes aos que axudou a reafirmarse na súa identidade galega e a asumir un firme compromiso coa construción dunha Galicia mellor e máis dona de si.

A súa relación coa Fundación Penzol foi sempre moi estreita como grande amigo de Fermín Penzol ao que aconsellou sobre a cesión ao grupo Galaxia dos seus fondos bibliográficos e documentais para constituir un centro de apoio á investigación galega.

 Aquí están depositados a súa biblioteca e arquivo, materiais imprescindibles para poder coñecer e interpretar o galeguismo na súa xeira posterior á guerra civil.

 A Fundación Penzol coa reprodución fiel deste gabinete nos seus locais quere render homenaxe a un dos guieiros máis sobranceiros da galeguidade.

En 2009, con motivo do Día das Letras Galegas, instalouse na sede da Fundación, na Casa Galega da Cultura, o gabinete de Ramón Piñeiro.

Gabinete Ramón Piñeiro. Reconstrución Gabinete Ramón Piñeiro. Reconstrución
 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100