Volver á paxina principal

Cultura: Teatro Fraga-Caixagalicia

Enderezo: Rúa Uruguay, 3
Teléfono: 986 815 077
Fax: 986 815 028
Páxina web: www.caixagalicia.com
e-mail: mlandre@caixagalicia.es

O Teatro Cine Fraga, situado na rúa Uruguay, 3-5, esquina Isabel II, foi proxectado por Luis Gutiérrez Soto en 1942 por encargo de Isaac Fraga Penedo, o empresario exhibidor de cine máis importante de Galicia nesta época, cuxa intención era a de construír a mellor sala de cine da cidade.

Asínase o proxecto en xullo de 1942. Na memoria, o arquitecto sinala a intención de ambientar a construción dentro da tradición galaica. Porén, a modernidade rexeitada para o exterior do edificio, permanece na organización interior. O edificio estruturábase en catro partes diferenciadas: local destinado a teatro e cine, sala de festas, salón de té e oficinas.

A sala de festas, que aínda se conserva con esta función na actualidade, situábase en dous niveis do soto. O inferior acollía a pista de baile e o superior dispoñíase como un amplo anfiteatro.

O cine ocupaba o andar principal cun amplo patio de butacas e dous anfiteatros voados. A sala foi proxectada cunha capacidade de 1758 localidades das cales 844 correspondía ao patio de butacas, 274 ao anfiteatro do entrechán e 640 ao anfiteatro principal.

O edificio completábase cun local de dous andares con fronte á rúa Isabel II e oficinas no entrechán e andares superiores.

O cine inaugúrase o 27 de marzo de 1948 cunha función de gala na que se estrea a película Botón de Ancla.

O 30 de xuño de 2001, Caixa Galicia adquire o Teatro Cine Fraga co fin de establecer en Vigo unha sede permanente onde desenvovler actividades de carácter sociocultural.

Cun aforo actual de 839 butacas, o Cine Fraga Caixa Galicia acolle desde o seu comezo o Festival Are More de música organizado polo Concello de Vigo e patrocinado pola Fundación Caixa Galicia.

O seu escenario ten unha boca de 12 metros e un fondo de 8,5 metros, e conta cunha Caixa Acústica considerada como unha das mellores do mundo. Por el pasaron artistas do talle de Kiri Te Kanawa, Ute Lemper, María Bayo, Ewa Poddles ou Teresa Berganza.

Celebráronse actos de presentación de libros, cine, teatro, espectáculos de humor, programas de radio e televisión, etc.

Cunha superficie total construida de 6.000 metros cadrados, a Caixa acometerá a partir de 2005 a rehabilitación deste edificio, no que haberá cabida para un auditorio multiusos que contará con 1.300 butacas e un deseño respectuoso co de 1948.

O Cine Fraga Caixa Galicia reservará á arte 2.100 metros cadrados no soto para organizar alí exposicións temáticas e temporais. A planta nobre do edificio estará destinada ás persoas maiores. O espazo contará con ciberaulas, puntos de información, salas de lectura e reunións e servizos sociais e médicos así como aulas de formación onde se impartirán cursos e seminarios patrocinados por Caixa Galicia.

O proxecto estará asinado polo arquitecto pontevedrés César Portela.