Escudo Concello de Vigo

Educación

Actividades Didácticas

Dinamización da TIC para o alumnado de 3º ciclo de primaria - Obradoiro audiovisual TIC TAC

A necesidade de experiencias dinamizadoras no campo das TIC nace da obrigatoriedade de integrar no ensino a comunicación audiovisual e as tecnoloxías da información, (Real Decreto 1513/2006. Art. 4). Por elo, e dando continuidade ao esforzo de adaptación dos centros escolares públicos de educación primaria ás TIC (Tecnoloxías de Información e Comunicación) presentamos o Programa educativo de dinamización nas TIC para alumando de 3º ciclo de primaria: “TIC TAC”.

Trátase dun proxecto formativo, práctico e lúdico de obradoiro audiovisual ao redor das TIC, cunha duración de 20 horas, dirixido ao alumnado de 3º ciclo de educación primaria, que de xeito experimental queremos implementar no período comprendido entre o 15 de marzo e 31 de maio do presente curso lectivo escolar.

O obxectivo principal deste programa educativo de dinamización nas TIC é, por unha banda, proporcionar un espazo de aprendizaxe audiovisual para o alumnado de primaria e, por outra, achegar un espazo de produción e desenvolvemento creativo, onde se poñan a proba todos os recursos TIC dispoñibles nos centros educativos que serán aplicados á creación de pezas audiovisuais “a escala”.

Dende a Concellería de Educación, somos conscientes da oportunidade que supón para algún dos centros de ensino da cidade formar parte dunha experiencia piloto coma esta, que servirá para “testar” a realidade na que se desenvolven os centros públicos con respecto ás TIC, de cara a poder estudar a viabilidade nos vindeiros cursos dun obradoiro audiovisual estable e integrado no horario lectivo.

Por unha tenencia responsable de animais

Programa promovido polo Servizo Municipal de Educación en colaboración coa “Asociación Protectora Proxecto Gato”, co propósito de contribuir a unha axeitada toma de conciencia no seo da comunidade educativa no relacionado coa responsabilidade que representa facerse cargo dun animal de compañía. Ter un animal de compañía non supón ter un xoguete na casa, a tenencia responsable de animais conleva moitos deberes e obrigacións, implica prover ao animal dos dispositivos básicos para o seu benestar: saúde, alimentación axeitada, espazo para o descanso protexido das inclemencias do tempo, espazo para eliminar os seus residuos, recreación e agarimo.

A referida proposta educativa concreta a impartición e dinamización nos propios centros de ensino solicitantes de conferencias informativas e de sensibilización, cunha duración estimada de 60 minutos, dirixidas a grupos de aproximadamente 50 alumnos de 5º e 6º de primaria. Incidirán no respecto, defensa e protección dos animais, tentando fomentar comportamentos e condutas para a prevención do abandono de animais de compañía e a promoción da adopción dos animais abandonados.

Estas accións formativas están apoiadas na utilización de soporte audiovisual nunha dinámica participativa, e na entrega do soporte divulgativo específico: tríptico, carteis, chapas para o alumnado e dvds para os docentes cunha recopilación de contidos didácticos de utilidade para a realización de actividades complementarias. Os centros de ensino interesados en participar como único requisito previo, terán que facilitar un aula con posibilidade de escurecer e proporcionar un cañón e pantalla de proxección.

Dirixido ao profesorado do 3º ciclo de primaria. Para poder solicitar a participación no mesmo, deberán enviar cuberta a ficha de inscrición adxunta según as instrucións que se citan.