Escudo Concello de Vigo

Educación

Centro de Divulgación Arqueolóxico Municipal (CEDAM)

Centro de Divulgación Arqueolóxico Municipal

  • Enderezo: Baixada á Praia s/n. Saians.
  • Teléfono: 986 460 812.
  • Horario de Oficina: de luns a venres de 10:00 a 13:30 horas.

O Concello de Vigo, a través da Concellaría de Patrimonio Histórico, departamento con competencias en arqueoloxía, dá resposta a través do CEDAM á necesidade evidente e urxente de coordinar, controlar, integrar, racionar e orientar todas as iniciativas en relación coa divulgación, didáctica e posta en valor da riqueza arqueolóxica presente no termo municipal de Vigo: máis de cento cincuenta xacementos arqueolóxicos (mámoas, petróglifos, castros, necrópoles, vilas, etc) que cobren case todas as etapas culturais e cronolóxicas coñecidas (desde o Paleolítico ata a Idade Media). Isto convérteo no concello co patrimonio arqueolóxico e histórico máis abundante e fértil de toda Galicia, en permanente crecemento grazas ás novas e constantes escavacións e investigacións realizadas.

A Concellaría de Patrimonio Histórico, consciente desta realidade, do seu potencial científico, social, cultural, turístico e didáctico, así como dos riscos que implica o descoñecemento ou o uso irrespetuoso destes bens comúns, por parte do público en xeral, decidiu pór en marcha unha iniciativa pioneira na nosa comunidade autónoma: o Programa Municipal de Divulgación e Interpretación do Patrimonio Arqueolóxico.