Escudo Concello de Vigo

Educación

Facendo Historia

A Escola Municipal de Danza do Concello de Vigo foi creada en 1979, nun pleno municipal, polo que era entón Alcalde: Don Manuel Soto Ferreiro, e o concelleiro de cultura, D. Francisco Santomé Otero.

No primeiro ano da súa andaina, contaba con 150 alumnos, ascendendo a matrícula a 100 pesetas anuais. En cursos seguintes, chegouse a 1.800 alumnos.

No ano 1982, a petición do director Wenceslao Cabezas, o concelleiro de Cultura Sr. Santomé, iníciase a descentralización da Escola a catro puntos da cidade: Seis do Nadal en Coia, Carraqueira en Coruxo, Dobrada no Calvario e Santa Tecla en Teis.

Increméntase o profesorado da Escola e no curso 1984-1985 aumentáronse outros catro puntos máis: Pereiró, San Pedro de Sárdoma, San Salvador e Frian.

No ano 1996, saíu a concurso Público a dirección dos ensinos da Escola Municipal de Danza, tras ser aprobado o Proxecto Educativo presentado por Wenceslao Cabezas Do Touro, Polo. E así foi nas seguintes convocatorias: 1996-00; 2002-05; 2006-2010.

No ano 2005, a Escola celebrou a súa 25 aniversario. Ano na que foi galardoada como "Viguesa Distinguida 05".

Nestes últimos 35 anos, a Escola formou centos de alumnos e alumnas. Moitos continuaron o seu camiño noutras agrupacións ou formando as súas propias. Outros se decantaron polo mundo do ensino da danza e/ou da percusión tradicional.

Para a Escola é un orgullo contribuír á difusión da tradición popular galega a través da Danza e da Percusión tradicional.

Cando a Escola naceu, non había moitos lugares onde recibir unha formación seria e co rigor que a nosa cultura merece; pero na actualidade, en case todas as asociacións, inclúese na oferta formativa a "actividade de danza e/ou percusión tradicional galega". Non é casualidade, é froito do esforzo e duro traballo de moitos... e entre eses "traballadores incansables", sempre estivo a Escola Municipal de Danza, co seu director Polo á cabeza.

Este ano, ofertamos dúas novas especialidades: Danza Moderna a cargo da profesora Laura Jurado García, e Canto Popular a cargo do mestre Luis Prego Fernández.

A EMD segue crecendo e enriquecendo a súa oferta formativa na cidade de Vigo, e a súa bisbarra.