Escudo Concello de Vigo

Deportes

Vigo Terreo de Xogo

Vigo terreo de xogo

Deportes

Vigo, cidade que ten a gala ser laboriosa, emprendedora e autodidacta, motor económico de Galicia por definición, pode presumir dun amplo desenvolvemento no eido deportivo. Con preto de 250 entidades envolvidas a diario no continuo vórtice de mobilizar por centos a deportistas de todas as idades, a Concellería de Deportes ten o deber e obxectivo á vez de facer sostible este crecemento, cun labor tan grato como inxente para acadar novas metas.

Non é casualidade que o Concello de Vigo, e por extensión todos os seus administrados, obtivese o Challenger Samaranch (1969) e o premio Consejo Superior de Deportes (2010): o seu tecido asociativo, sempre en plena efervescencia, obriga a esta Concellería a manter de forma permanente un traballo febril do que, sen dúbida, sentímonos sumamente orgullosos. Esta cidade recibe anualmente uns 200 eventos deportivos de diverso alcance, dende a vintena de campionatos con proxección internacional e nacional (o Marisquiño, o Rallye Rías Baixas ou os Internacionais de tenis, por citar exemplos) ata os de ámbito local (Bandeira Concello de Vigo de traíñas ou a Copa Vigo de fútbol afeccionado), testemuñas claras do que a urbe representa a nivel galego: unha ponta de lanza que, ademais, é de primeira liña tamén no panorama nacional con oito equipos de primeira categoría en disciplinas punteiras como fútbol, balonmán ou baloncesto, falando de deportes olímpicos tradicionais, ou squash, ximnasia, esgrima ou taekwondo, por engadir deportes chamados minoritarios pero que colleitan para Vigo unha morea de medallas todos os anos. Por todo isto, tamén Vigo é capital do deporte.

As instalacións deportivas municipais superan os 1,8 millóns de usuarios ao ano e as escolas deportivas, que levan varios cursos crecendo, xa funcionan con máis de 4.000 alumnos e alumnas. Porque é esta unha cidade en constante expansión e movemento. Pero tamén hai espazo para o deporte recreativo, como exemplifica cada fin de semana o torneo Vigo en Xogo, cos seus 4.000 inscricións, ou para o deporte saudable, co despegue das carreiras populares, na que en 2012 participaron máis de 10.000 deportistas, entre unha porcentaxe de atletas federados e numerosos cidadáns que entenden que tomar as rúas da cidade é un pracer difícil de explicar.

Vigo, berce de grandes deportistas, tamén atesoura boa parte da nobre historia do deporte galego, de clubs con tradición intersecular e de eventos que sobreviven a canas ou ó inexorable paso do tempo. Dirixir o deporte vigués é un reto, pero tamén unha ilusión e, sobre todo, un compromiso nesta época tan complexa. A Concellería de Deportes, apoiada polo Servizo Municipal dos Deportes e pola Fundación Vigo en Deporte, así o entende.

Dar o mellor servizo á base, atender as necesidades dos equipos de elite, apoiar ao deporte recreativo e á cidadanía en xeral, pero tamén ao deporte federado, cunhas 20.000 licencias, é unha constante que nos marcamos neste mandato municipal, sempre en estreita colaboración coas entidades deportivas. Porque para nós, Vigo é o teu deporte e estamos a prol de desenrolar a túa/a nosa paixón.

Pero ademais do servizo directo ás entidades e deportistas ou o apoio á organización de eventos, a Concellería de Deportes tamén aceptou outro reto nestes novos tempos, o da modernización. Nunha era na que os avances tecnolóxicos son vertixinosos, a máis extensa aplicación das novas técnicas, tan cotiás na nosa convivencia diaria, constitúese nun paso máis para amosar que o deporte sempre tenta adiantarse ao futuro e que o Concello quere estar preto da cidadanía, facéndolle máis doada a súa interactividade co ocio deportivo. A ferramenta de internet é fundamental hoxe en día para acercar tamén a administración deportiva á cidadanía. Niso estamos.

Benvidos, polo tanto, aos novos tempos nos que Vigo é o terreo de xogo. O noso e teu. E a el saímos agora para competir.

 

Manel Fernández

Concelleiro de Deportes

Banner Vigo Terreo de Xogo