![]() |
Hai xa 10 anos que as institucións e entidades que vertebran a vida cidadá de Vigo elaboraron o primeiro Plan Estratéxico para Vigo e a súa Área, PEVA. A nosa cidade foi unha das primeiras do estado en acometer un proxecto desas características, é dicir, un proceso aunador de vontades e coordenador de iniciativas públicas e privadas en torno a uns obxectivos de futuro. Dende entón producíronse numerosos cambios xeopolíticos, xeoeconómicos e xeosociais que aconsellaron revisar os obxectivos e estratexias do PEVA. O Padroado da Fundación Provigo, entidade creada para "fomentar a promoción, revitalización e dinamismo do desenvolvemento económico e social da área… mediante a promoción da coordenación e cooperación entre as institucións do sector público e a iniciativa privada", decidiu impulsar a elaboración dun novo Plan ao que se denomina VIGO 2010. A finalidade do Plan Estratéxico de Vigo e a súa Área Funcional é a de analizar a situación económica, social e institucional da cidade e a súa capacidade de resposta ante a crecente globalización da economía. Esa análise servirá para formular os obxectivos estratéxicos para a cidade e para deseñar uns programas de actuación para mellorar a súa calidade de vida e o seu posicionamento económico. Na súa primeira fase, o programa de traballo do Plan dedicouse a axustar os detalles organizativos e a metodoloxía operativa, así como a recoller información estatística e documental sobre as condicións de partida da cidade. A segunda fase, centrada na elaboración do Diagnóstico Estratéxico de Vigo e o seu ámbito metropolitano, incluiu a celebración de reunións de información e sensibilización, mantidas pola Dirección do Plan cos representantes de numerosas institucións sociais, políticas e empresariais viguesas. Tentouse promover a participación activa nas xuntanzas de todos os estamentos que constitúen o tecido institucional público e privado responsable de planificar e xestionar o desenvolvemento futuro da cidade. Asemade, fíxose unha exhaustiva recollida de datos e opinións mediante unha rolda de entrevistas en profundidade con expertos e responsables institucionais e empresariais da bisbarra, para coñecer de primeira man os detalles da situación e a dinámica de desenvolvemento da cidade. Ademais, realizáronse enquisas dirixidas a coñecer as opinións e avaliacións das familias viguesas e das institucións públicas e privadas que actúan na contorna. O Documento de Diagnóstico do Plan Vigo 2010 pode xa ser consultado na nosa web. Pode descargalo en formato pdf enteiro |

