Información

A Oliveira de Vigo

A cidade de Vigo foi coñecida algún tempo co sobrenome de “Cidade da oliva”, e actualmente, co de “Cidade olívica” debido a que no adro da igrexa da Colexiata de Santa María houbo dende moi antigo unha grande oliveira que plantaran os abaleiros monxes templarios, cando estes rexían a freguesía.

Na vella árbore, símbolo da paz, tantas veces degallada para conmemorar –coas súas pólas– a entrada do Salvador en Xerusalén, desapareceu ao construírse a actual igrexa.

Ao derrubarse a oliveira, D. Manuel Ángel Pereyra –administrador da Aduana e fillo político do non menos famoso alcalde D. Cayetano Parada y Pérez de Limia–recolleu unha das súas pólas e plantouna na horta da súa casa, diante da Porta do Sol. Alí arraigou e medrou até que o desenvolvemento da cidade a fixo desaparecer, non sen antes ser plantada de novo no Paseo de Alfonso XII –onde pode verse na actualidade– polos seus descendentes, para que non se perdese a vigorosa estirpe daquela simbólica árbore da tradición viguesa.

Na súa nova localización, a oliveira protexeuse cunha reixa de ferro onde foi colocada unha placa de bronce acreditando a promesa que ante a árbore fixeron os vigueses de “amor, lealdade e abnegación pola cidade”, en agosto de 1932.

A oliveira figura no emblema heráldico da cidade.

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100