Escudo Concello de Vigo

Actualidade

COLECCIÓN PERMANENTE, UNHA NOVA LECTURA-FUNDACIÓN LAXEIRO " (CASA DAS ARTES)

Ata o 31-12-2021

Casa das Artes. Planta terceira

Horario: Luns a venres: de 18 h a 21 h Sábados: de 12 h a 14 h e de 18 h a 21 h Domingos e festivos: de 12 h a 14 h

Gratuíto

Fundación Laxeiro, coa colaboración da Concellería de Cultura

Aproveitando as reformas das instalacións levadas a cabo polo Concello de Vigo en 2018, a Fundación Laxeiro presenta unha nova proposta expositiva da coñecida Colección permanente, que muda o percorrido cronolóxico das obras, por unha disposición máis intuitiva, que combina estilos, linguaxes, xéneros e cronoloxía, ademais de achegar documentación relativa á traxectoria artística de Laxeiro, unha liña de vida e unha sinalética renovada en galego, castelán e inglés.

Ademais, ás sesenta e catro obras que conforman a Colección permanente, engádense cinco pezas depositadas por propietarios particulares, que contribúen a completar a visión da obra e a traxectoria dun dos artistas galegos máis decisivos do século XX.

A Colección permanente da Fundación Laxeiro, formada por sesenta e cinco das setenta e sete obras que o artista legou á cidade de Vigo (das que as doce restantes poden contemplarse no Museo Quiñones de León) está exposta permanentemente na Fundación Laxeiro dende 1999, ano da constitución da Fundación Laxeiro. Estas sesenta e cinco obras, de todas as épocas da traxectoria de Laxeiro, ofrecen no seu conxunto, unha excelente panorámica da evolución do artista, constituíndo un abano moi completo dos diferentes estilos e as linguaxes diversas que Laxeiro utilizou ao longo de toda a súa carreira.

Durante estes anos, a Colección tivo diversas formulacións expositivas que sempre respectaron un percorrido cronolóxico, baseado nunha coincidencia buscada, entre o percorrido espacial da exposición e o percorrido temporal da traxectoria de Laxeiro.

Agora, a Fundación Laxeiro rompe con esa formulación de carácter historiográfico e lineal, para ofrecer outro xeito de visitar a devandita colección, baseado en tres eixos combinados de distribución da obra, como son o estilístico, o temático e, en menor medida, o cronolóxico.

Casa das Artes

Teléfono: 986439525

Casa das Artes. Planta terceira

Web: http://www.vigocultura.org/es/museos