Escudo Concello de Vigo

Actualidade

EXPOSICIÓN-XXIII MARATÓN FOTOGRÁFICO

Ata o 20-01-2019

Espazo Anexo do Marco

Horario: Inauguración venres 19 de outubro: 20:00h ? Martes a sábado (festivos incluidos), de 11:15 a 14:15 e de 17:15 a 20.45. Domingos de 11:15 a 14:15

Gratuíto

Agrupación Fotográfica Galega, coa colaboración da Concellería de Cultura e maila Fundación Marco

 

A partir do venres 19 de outubro, o Espazo Anexo do MARCO exhibirá os traballos presentados na máis recente convocatoria do Maratón Fotográfico, evento que conta coa colaboración da Concellería de Cultura. Organizado pola AFG-Agrupación Fotográfica Galega, o Maratón chegou en 2018 á súa XXIII edición, que tivo lugar o 29 e 30 de setembro.

A presentación terá lugar o propio venres, ás 20:00 h, no transcurso dun acto no que os membros do xurado darán a coñecer os traballos gañadores desta edición, e entregarán os premios

Tomando como punto de partida esta edición 2018, os espazos do MARCO acollerá dúas mostras representativas, a un tempo, da historia e da actualidade do Maratón.

No Espazo Anexo, na praza peonil posterior, unha mostra dos traballos presentados nesta XXIII edición do Maratón, en torno aos catro temas propostos: Calma, Múltiple, Resistencia, Inesquecible. Unha oportunidade para gozar dun conxunto de imaxes evocadoras, diferentes na súa inspiración e características formais, que cada participante escolleu para representar os catro temas en forma de serie fotográfica.

Na sala do vestíbulo principal, unha Retrospectiva 2013-2017, con selección de imaxes das series gañadoras nas cinco últimas edicións, que conforman unha mistura de temas, interpretacións, estilos e modos de transmitir a través da fotografía.

A Agrupación Fotográfica Galega, fundada en 1946 e aberta a todos os amantes da fotografía e do cine, foi pioneira en Galicia e veu desenvolvendo dende entón un importante labor, con actividades de formación e divulgación como cursos de fotografía ou faladoiros sobre foto e cine.

Foi en 1995 cando a AFG organizou o seu primeiro Maratón Fotográfico ?Concello de Vigo?, que daquela se incluía dentro do programa de festas. Dende entón, o Maratón nunca deixou de celebrarse, se ben cambiou varias veces de espazo de exposición, evolucionou no seu formato e duración, e adaptouse aos cambios derivados dos avances técnicos e da fotografía dixital. Hoxe en día, aberto á participación de calquera persoa interesada e afeccionada á fotografía, o certame articúlase en torno a catro eixos: 24 horas de duración, 4 temas, 20/25 series seleccionadas, e 3 series gañadoras.

 

 

MARCO (Museo de Arte Contemporánea)

Teléfono: 986113900

Espazo Anexo do Marco

Web: http://www.marcovigo.com