Escudo Concello de Vigo

Actualidade

Exposición ''Que ninguén marche con lareca - Proxecto 2018"

Ata o 21-09-2018

Espazo EMAO - Sala de Exposicións (entradas pola rúa Pontevedra e Rosalía de Castro)

Horario:

Laborables de 19 a 21 horas.

Datas: do 29 de xuño ao 21 de setembro (agosto pechada).

Escola Municipal de Artes e Oficios

Fames, artium magister

Arte, cultura, oficios, comida, fame... a cociña da Escola de Artes e Oficios prendeu os fogóns para encher de viandas o noso Espazo EMAO. Ao redor da mesa, alumnado e profesorado prepararon potas e tixolas, e cos ingredientes do seu oficio: interdisciplinariedade, cooperación, creatividade e excelencia técnica, obraron un bo menú. Un menú fabricado de excesos e faltas, de enchentas e baleiros, de propostas nutricias e da fame, esa ausencia.

Aquí poderedes degustar polbo de otomán, refugallos de arxila rescatados dun colector, glutamato monosódico recén serigrafiado, farturas de madeira tallada, comida-lixo a bolígrafo, rotring e acuarela... e contemplar a cuchipanda de Cotán, imaxinar bodegóns comestibles de gaitas e zanfonas, usar cubertos de prata, latón e cobre nuns aquelados pratos de coiro de poldro galego e sentir a maxia de transformar Mc en Wc encaixando fíos de algodón e lá.

Proxecto 2018

Dentro da programación anual da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, inclúese, ao remate de cada curso académico, a producción dunha exposición dos resultados materiais e simbólicos dun proxecto --proposto anualmente no claustro do profesorado- que partindo dunha idea xeradora única, interpretada libremente, dea lugar ao despregue do traballo, imaxinación e saber facer dos distintos talleres.

Sobre a idea xeradora da frase Que ninguén marche con Lareca agromaron os proxectos creativos, retos técnicos e obras concretas que agora amosamos. Trátase, novamente, da coidada exposición de productos creativos desenvolvidos coa participación do alumnado a partir dunha iniciativa individual ou colectiva, pero, en todo caso, sempre asumida polo grupo.