Escudo Concello de Vigo

Actualidade

"A TIMIDEZ DA COPA DAS ÁRBORES" - (MUSEO MARCO)

Ata o 07-01-2018

MARCO. Museo de Arte Contemporánea. Primeiro andar (rúa Príncipe 54, 36202 Vigo)

Horario: APERTURA (23-06-17): 20:00 h RESTO PERÍODO EXPOSITIVO: martes a sábados (festivos incluídos) de 11:00 h a 14:30 h e de 17:00 h a 21:00 h - Domingos de 11:00 h a 14:30 h - Pechado os luns

Gratuíto

Fundación MARCO, coa colaboración da Concellería de Cultura

Premio MARCO/FRAC Lorraine/SFKM para novos comisarios 2016

Produción: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo / 49 Nord 6 Est Frac Lorraine, Metz, Francia / Sogn og Fjordane Kunstmuseum (SFKM), Førde, Noruega

Lara Almarcegui, Helena Almeida, Kader Attia, Jeremy Deller, Marta Fernández Calvo, Dora García, Jií Kovanda, Amalia Pica, Rita Ponce de León, Alex Reynolds, Cecilia Vicuña

A timidez da copa das árbores, comisariada por Beatriz Alonso (Madrid, 1981), foi a proposta gañadora da máis recente convocatoria do Premio MARCO/FRAC Lorraine/SFKM para novos comisarios 2016. Dende a súa primeira edición, o Premio ofrece aos participantes a oportunidade de propoñer un proxecto centrado nun tema de investigación e reflexión persoal, así como a súa realización nos espazos do MARCO, o FRAC Lorraine (Fonds régional d'art contemporain de Lorraine) de Metz, Francia, e o SFKM (Sogn og Fjordane Kunstmuseum) de Førde, Noruega, as tres institucións convocantes.

Tras a súa presentación o 17 de marzo no FRAC Lorraine de Metz, onde permaneceu ata o 4 de xuño, a exposición chega agora ao MARCO no que sería un segundo capítulo ou versión desta mostra, adaptada aos espazos do primeiro andar do Museo, e con variantes no formato e modo de exhibición dalgunhas das pezas.

A timidez da copa das árbores é un fenómeno botánico mediante o cal cada árbore define un límite no seu crecemento, facilitando unha coexistencia no dosel forestal alén da competencia entre especies. Tomando como punto de partida este feito científico e as súas connotacións, o proxecto formula unha reflexión sobre a nosa sociedade contemporánea, reunindo nun mesmo espazo obras de once artistas de distintas procedencias e en diversos formatos vídeo, instalación, fotografía, performance, proxección, que nalgúns casos funcionan como documentación e rexistro de accións realizadas en torno a este fío condutor.

A observación poética deste fenómeno, desta intelixencia colectiva, deste coidado polo conxunto, ofrécenos un diálogo coa nosa contemporaneidade e a urxencia de reaccionar como sociedade cara á creación de novos escenarios heteroxéneos para a convivencia cotiá dende a alteridade e a diferenza.

O persoal de salas está a disposición dos visitantes para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

Todos os días ás 18:00 h

Visitas á carta para grupos, previa cita no tel. 986 113900