Escudo Concello de Vigo

Actualidade

EXPOSICIÓN "TEMPOS DUN ENCONTRO. ÁNXEL HUETE, MANEL LLEDÓS, MIGUEL SACO" - (CASA DAS ARTES)

Ata o 23-07-2017

Casa das Artes. Planta baixa (r/ Policarpo Sanz 15, 36202 Vigo)

Horario: APERTURA (18-05-17): 20:00 h RESTO PERÍODO EXPOSITIVO: de luns a sábado: de 18:00 h a 21:00 h Sábados, domingos e festivos: de 12:00 h a 14:00 h

Gratuíto

Concellería de Cultura

Esta exposición aborda a acción artística desde a experiencia dun lugar. Un espazo de tempo concreto, fixado e cargado de intencións: Nova York a comezos dos anos oitenta; desexado, imaxinado e vivido polos artistas Ánxel Huete (Ourense, 1944), Manel Lledós (Barcelona, 1955) e Miguel Saco (Ourense, 1956). Un encontro compartido que agora se revisa na procura de reactivalo, a través das obras realizadas neses anos xunto ás súas últimas pinturas e esculturas.

A elección da illa de Manhattan como destino do seu periplo vital e mental, explícase no desexo de buscar estímulos, aspirando a integrarse na súa diferenza, seducidos pola toma de contacto coa idea de modernidade, que esta cidade viña ofrecendo desde os anos vinte e, xa definitivamente, desde o fin da II Guerra Mundial. Nela, estes artistas iniciaron un excéntrico encontro, compartindo a vida nun mesmo apartamento e estudo no Lower East Side, que foi o epicentro do seu breve tempo xuntos na cidade dos rañaceos Lledós e Saco lograron incorporarse ao complexo sistema americano, mentres a memoria comprometida de Huete fíxoo regresar e seguir creando e implicándose desde Galicia. Un relato persoal que se enfronta á cidade idealizada e mediatizada polo cine, a música e a literatura, a través de sensibles narracións cotiáns, baseadas en experiencias de supervivencia nun dos seus barrios máis antigos e perigosos, definidas nunha precariedade de medios e  barreiras idiomáticas que dan conta da dureza persoal e profesional que viviron. Todo axustado en intensas impresións, que son as que quedan, as que se instalan na memoria como interferencias que regresan de lonxe para axitar os pensamentos.