Escudo Concello de Vigo

Actualidade

"MULLERES DO SILENCIO. DE MARUJA MALLO A ÁNGELA DE LA CRUZ" - (MUSEO MARCO)

Ata o 16-04-2017

Museo de Arte Contemporánea de Vigo MARCO. Planta baixa (r/ Príncipe 54, 36202 Vigo)

Horario: APERTURA (14-10-16): 20:00 h RESTO PERÍODO EXPOSITIVO: martes a sábado (festivos incluídos): 11:00 h a 14:30 h e 17:00 h a 21:00 h Domingos: 11:00 h a 14:30 h - Pechado os luns

Gratuíto

MARCO, coa colaboración da Concellería de Cultura

Comisaria: Rosario Sarmiento.

Artistas: Mónica Alonso, Berta Cáccamo, Elena Colmeiro, M Carmen Corredoyra y Ruiz de Baro, M Antonia Dans, Angela de la Cruz, M Victoria de la Fuente, María Xosé Díaz, Dolores Díaz Baliño, Almudena Fernández Fariña, M Elena Fernández-Gago, Menchu Lamas, Maruja Mallo, Fina Mantiñán, Tatiana Medal, Julia Minguillón, Rosalía Pazo Maside, Soledad Penalta, Pamen Pereira, Beatriz Rey, Mercedes Ruibal.

Esta mostra supón unha relectura actualizada da exposición A arte inexistente comisariada por Rosario Sarmiento para o Auditorio de Galicia en 1995, que reunía obras de artistas mulleres en Galicia no século XX. Dende a perspectiva do tempo transcorrido, situámonos no espazo histórico-temporal das primeiras décadas do século XXI, o que permite visualizar relatos, protagonismos e visións máis amplas sobre as achegas e o papel dalgunhas artistas na historia da creación plástica da Galicia contemporánea. A exposición percorre diferentes xeracións de artistas ata chegar a aquelas creadoras que acceden por primeira vez en Galicia a unha formación académica, tras a creación da Facultade de Belas Artes de Pontevedra en 1990.

Desde o punto de vista estrutural, a exposición formúlase en catro ámbitos onde se procura analizar e afondar nos contextos nos que estas artistas traballaron, facendo fincapé en cuestións como o seu escaso protagonismo nos movementos de vangarda anteriores á Guerra Civil, a posguerra e a obrigada emigración cara a outros centros artísticos fóra de Galicia, a chegada da democracia, e os novos escenarios culturais e formativos nos que traballan aquelas artistas cuxas traxectorias comezan a desenvolverse nos inicios do século XXI.