Actualidade

Avisos

TRANSPORTE PÚBLICO: DÍA EUROPEO SEN COCHES

Temática: Transporte

Data de publicación: 17-09-2019

OS VIGUESES PODERÁN SUBIR DE BALDE NO BUS HISTÓRICO “COMETA”, NO TURÍSTICO E NA LIÑA C1 PARA CONMEMORAR O DÍA EUROPEO SEN COCHES

  • A liña C1 será gratuita o domingo 22 e a posibilidade de viaxar no Turístico e no Cometa será durante toda a fin de semana
  • Este ano como novidade, a reserva para poder viaxar no Bus Turístico e no Cometa realizarase online, a través da páxina web coa Pass Vigo a partir do 16 de setembro
  • O ano pasado, mais de 4.200 persoas viaxaron de balde no Día Europeo sen coches

Co obxectivo de conmemorar un ano máis o Día Europeo sen coches que terá lugar o domingo 22 de setembro, Vitrasa sacará á rúa o seu Bus Histórico “O Cometa”, símbolo da compañía pertencente á primeira frota que se presentou en Vigo no ano 1968. O obxectivo é que as viguesas e vigueses poidan coñecer un pouco máis da historia da compañía. Trátase dunha nova oportunidade para disfrutar deste vehículo histórico que tanta expectación xera cada vez que sae á rúa.

O Bus Histórico “Cometa” será de balde durante toda a fin de semana (21 e 22 de setembro). O percorrido arrancará do Paseo de Alfonso ás 10:30 horas con saídas cada 30 minutos ata as 14:00 horas e dende as 16:30 ás 20:00 horas (derradeira saída). O “Cometa” realizará o seguinte percorrido: Porta do Sol, Policarpo Sanz, García Barbón, Rotonda Miragaia, Rosalía de Castro, Inés Pérez de Ceta, Areal, Colón, Policarpo Sanz, Porta do Sol e Paseo de Alfonso. A capacidade máxima durante a viaxe será de 4 persoas ao tratarse dun vehículo histórico.

Bus Turístico

Ao igual que en anos anteriores, o Bus Turístico de Vitrasa será tamén gratuíto durante toda fin de semana para que os vigueses poidan coñecer, de primeira man, a ruta que realiza habitualmente este autobús. Trátase dun servizo dirixido principalmente aos turistas e que é empregado anualmente por preto de 8.000 persoas.

A través desta iniciativa, os veciños de Vigo terán a oportunidade de coñecer os principais puntos de interese turístico da cidade dunha forma diferente. Durante o percorrido, que dura aproximadamente unha hora e media, os viaxeiros poderán apreciar as fermosas vistas da ría desde o monte do Castro, o miradoiro de Alfonso XII ou as praias de Samil, entre outros lugares.

As rutas partirán da parada de bus do C.C. A Laxe ás 10:00, ás 12:00, ás 16:30 e ás 18:30 horas.

Reserva online

Este ano como novidade, co obxectivo de mellorar a iniciativa e para evitar as colas nas paradas, para poder acceder de balde ao Cometa e ao Bus Turístico haberá que realizar reserva online coa Tarxeta Pass Vigo.

Reserva Aquí

Manual Reserva OnLine

Liña C1

Tamén será gratuíta a liña C1 cos seus horarios habituais durante o domingo 22. Esta é unha das liñas con máis usuarios, xa que realiza o seu percorrido por numerosas paradas do centro da cidade.

Máis dunha década participando na Semana Europea da Mobilidade

Desde hai trece anos, Vitrasa vénse sumando a esta iniciativa europea que ten por obxectivo fomentar o emprego do transporte público na cidade e concienciar da necesidade de reducir os índices de contaminación nas grandes urbes e contribuír a unha mobilidade urbana sostible. O ano pasado, máis de 4.200 persoas viaxaron de balde no Día Europeo sen Coches.


 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100