Actualidade

Avisos

TRANSPORTE PÚBLICO: VITRASA celebra a Semana do Medio Ambiente con diferentes actividades de concienciación

Temática: Transporte

Data de publicación: 03-06-2019

VITRASA celebra un ano máis o Día Mundial do Medio Ambiente. Dende este luns día 3 e ata o día 7, a empresa concesionaria do transporte público en Vigo conmemorará esta data coa posta en marcha da Semana do Medio Ambiente na que realizará diversas actividades dirixidas a concienciar da necesidade de empregar o transporte público e reciclar para vivir nun entorno máis sustentable.

Neste sentido, e por terceiro ano consecutivo, colocará a bordo dos buses, papeleiras amarelas de recollida selectiva de envases de plástico, proporcionadas por Reciclados Plásticos La Cañiza –empresa que se encargará da reciclaxe dos materiais obtidos coa iniciativa—. Esta iniciativa é unha chamada á concienciación social sobre a importancia da reciclaxe.

Ademais, durante toda a semana colocaranse flyers informativos para promover o uso do transporte público nos desprazamentos pola cidade por tratarse do medio de transporte menos contaminante e apostarase pola reciclaxe.

O día 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, os 50 rapaces que realicen a visita a Vitrasa, recibirán como agasallo, unha pequena árbore para que poidan plantala nas súas casas.

O Director Xeral da empresa, Juan Carlos Villarino, sinala que “VITRASA é unha empresa que aposta pola protección do medio ambiente. O obxectivo deste tipo de iniciativas é sobre todo concienciar da necesidade de empregar medios de transportes respectuosos e sustentables”.

 

Flota de autobuses sustentable

O transporte colectivo de viaxeiros é unha ferramenta imprescindible para reducir os niveis de polución nas cidades, xa que contribúe a eliminar a polución de 50 coches particulares, segundo un estudo da Asociación de Empresas Xestoras de Transportes Colectivos Urbanos (ATUC) ou o que é o mesmo, evita a emisión de cinco millóns de toneladas de gases contaminantes.

Hoxe en día, VITRASA conta cunha frota renovada na que o 44% dos buses urbanos de Vigo circulan con motores diésel de última xeración, unha cifra que sitúa á empresa na vangarda do respecto ao medio ambiente.

O autobús, o medio de transporte menos contaminante

Actualmente, VITRASA conta na súa frota cos modelos máis modernos e menos contaminantes do mercado. Son 55 autobuses adaptados á normativa comunitaria Euro6, que regula as emisións de gases tóxicos e partículas en suspensión dende setembro do ano 2015. Juan Carlos Villarino sinala que VITRASA “cre na mellora continua, por iso é unha compañía que inviste constantemente para reducir as emisións dos seus vehículos e manterse sempre á vangarda en todos os sentidos, pero por enriba de todo, en termos de respecto ao medio ambiente”.

Segundo a Axencia Europea do Medio Ambiente, o autobús é un dos medios de transporte máis limpos e menos contaminantes xa emite 68 gramos de CO2 por quilómetro e pasaxeiro, mentres que o vehículo particular chegaría aos 104 gramos de CO2 por quilómetro e pasaxeiro. Por iso, a empresa seguirá incorporando novos vehículos para seguir reducindo o volume de emisións.


 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100