Actualidade

Avisos

TRANSPORTE PÚBLICO: OS VIGUESES PODERÁN SUBIR DE BALDE NO BUS TURÍSTICO TAMÉN O DOMINGO PARA CONMEMORAR O DÍA EUROPEO SEN COCHES

Temática: Transporte

Data de publicación: 17-09-2018

Debido á boa acollida da gratuidade do Bus Turístico para o sábado 22 de setembro con motivo do Día Europea sen coches, Vitrasa decidiu ampliar a iniciativa tamén ao domingo 23. En tan só un día dende que se abrise o prazo de inscrición, completouse o aforo para as saídas previstas para o sábado día 22.

Para poder acceder a este servizo, os usuarios interesados terán que facer a súa reserva no teléfono 986207474, de 9:00 a 14:00 horas ata o 20 de setembro cun máximo de 8 persoas por chamada, achegando número de DNI e de telefono de contacto. As rutas partirán da parada de bus do C.C. A Laxe ás 10:00, ás 12:00, ás 16:30 e ás 18:30 horas.

A través desta iniciativa, os veciños de Vigo terán a oportunidade de coñecer os principais puntos de interese turístico da cidade dunha forma diferente. Durante o percorrido, que dura aproximadamente unha hora e media, os viaxeiros poderán apreciar as fermosas vistas da ría desde o monte do Castro, o miradoiro de Alfonso XII ou as praias de Samil, entre outros lugares.

Bus Histórico e liña C1

Vitrasa lembra que este sábado 22 de setembro, coincidindo co Día Europeo sen coches, Vitrasa sacará á rúa o seu Bus Histórico “O Cometa”, símbolo da compañía pertencente á primeira frota que se presentou en Vigo no ano 1968. O obxectivo é que as viguesas e vigueses poidan coñecer un pouco máis da historia da compañía, conmemorando deste xeito o 50 aniversario da empresa.

O Bus Histórico arrancará do Paseo de Alfonso ás 10.00 horas con saídas cada 30 minutos ata as 14.00 horas e dende as 16.30 ás 20.00 horas (derradeira saída). Os usuarios poderán acceder ao Bus en todas as paradas do seguinte percorrido: Porta do Sol, Policarpo Sanz, García Barbón, Isaac Peral e volta por G. Barbón, Porta do Sol e Paseo de Alfonso. A capacidade máxima durante o percorrido será de 20 persoas.

Tamén será gratuíta a liña C1 cos seus horarios habituais. Esta é unha das liñas con máis usuarios -unha media de 3.000 persoas empregan esta liña en sábado-, xa que realiza o seu percorrido por numerosas paradas do centro da cidade.


 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100