Actualidade

Avisos

Visita guiada ao roteiro feminino "Sons de Mulleres"

Temática: Igualdade

Data de publicación: 21-03-2018

A Concellería de Igualdade organiza o próximo sábado unha visita guiada ao roteiro feminino “Sons de Mulleres”, un percorrido por quince puntos clave da cidade, co obxectivo de visibilizar ás mulleres que, individual ou colectivamente, teceron a historia de Vigo.

Data: sábado 24 de marzo

Hora de saída: 11.30 h.

Punto de encontro: Paseo Alfonso XII

Guiado por: María Casar, licenciada en Filoloxía Hispánica e Humanidades, presidenta da asociación cultural Ergueitos de Sarria e organizadora desde o ano 2000 do premio de poesía Fiz Vergara Vilariño.

A actividade é gratuíta e non é necesaria a inscrición previa.

No roteiro hai espazos que son froito das reivindicacións e do traballo máis recente do Movemento Feminista: a Praza 8 de Marzo, o Centro de Documentación Feminista ou a Casa das Mulleres; lugares que recuperan a memoria de mulleres vítimas da represión franquista: Urania Mella, Olimpia Valencia ou Rosario Hernández -A Calesa-, que loitaron pola liberdade nas rúas da cidade, nos sindicatos e na vangarda cultural e mesmo nas barricadas da resistencia; espazos de pedagogas que defenderon os dereitos das mulleres, loitando por unha educación que aínda hoxe é soño de futuro: Concepción Arenal, Ernestina Otero ou Antia Cal; lugares de creación artística e literaria, como foi a imprenta de Juan Compañel onde Rosalía de Castro sacou do prelo en 1863 “Cantares gallegos”; e lugares que recoñecen o compromiso político, o traballo nas conserveiras, na ribeira do Berbés ou as ostreiras, nos lavadoiros comunais ou nos mercados, ou ás mulleres que tiveron que emigrar.

Esta actividade forma parte do programa de actos organizados pola concellería, en colaboración co Consello Municipal da Muller, con motivo da conmemoración do 8 de marzo "Día Internacional das Mulleres"

No arquivo anexo pódese consultar a programación completa.

Documentación

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100