Actualidade
Temática: Transporte
Data de publicación: 16-01-2018
Dende o pasado 20 de decembro e durante aproximadamente un mes, dous monitores están asistindo aos usuarios do transporte público nos seus percorridos en autobús urbano co obxectivo de orientalos sobre os riscos aos que se expoñen se non cumpren coas medidas de seguridade establecidas.
Nesta nova edición da campaña de prevención e axuda aos usuarios, que se desenvolve en colaboración coa correduría de seguros Willis e que cumpre cinco anos, estase facendo especial fincapé nas liñas de maior afluencia de público, que nesta época do ano son sobre todo as do centro debido ás pasadas festas de Nadal e ás rebaixas polo que se centrará nas liñas C1, C2, C3, L5A e L5B.
En palabras de Juan Carlos Villarino, Director Xeral de Vitrasa, “a gran afluencia de xente que se move durante estas datas especialmente polo centro de Vigo condicionounos para levar a cabo a campaña. O que perseguimos con esta medida é minimizar, na medida do posible, os riscos á bordo do autobús e concienciar aos usuarios da necesidade de viaxar con total seguridade, tendo especial consideración con colectivos tales como terceira idade, nenos pequenos, persoas con mobilidade reducida ou mulleres embarazadas”.
Para acadar este obxectivo, os monitores da campaña facilitan á información en horario de mañá e tarde e aconsellan aos viaxeiros pero principalmente ás persoas de maior idade, ás de mobilidade reducida e ás que viaxan con nenos por ser grupos de maior risco á hora de sufrir incidentes ou percances á hora de viaxar en bus.
Como novidade este ano, nas pantallas que hai instaladas nos buses proxectaranse ao longo de todo o ano, vídeos con consellos para viaxar con seguridade e dirixidos a diferentes colectivos tales como viaxar con seguridade a bordo do bus con carriño de bebé.
Aspectos a ter en conta cando viaxamos en autobús
Os principais temas nos que insisten son: facilitar os asentos reservados para persoas maiores e embarazadas, facer recomendacións ás persoas con mobilidade reducida en cadeira de rodas. Tamén consellos para os usuarios que viaxan con cadeiras de bebés, neste sentido, á hora de baixar do autobús é moi importante facelo cara atrás.
Informarase do agarre dos asideiros dispostos para unha mellor suxeción durante o traxecto e da disposición da pasaxe ao fondo do autobús para mellorar a deambulación e seguridade polo mesmo. Ademais, advertirán da colocación de mochilas ou obxectos que puidesen entorpecer ou molestar dentro do autobús.
No momento de subir ao autobús co maior seguridade e previsión é importante subliñar que o usuario conta actualmente con ferramentas, sobre todo de tipo tecnolóxico, que fai que esta tarefa sexa moito máis áxil e sinxela. A disposición dos viaxeiros existen códigos QR/NFC, as pantallas das marquesiñas ou a aplicación para móbil para estar informados en tempo real das liñas de interese.
Repartiranse máis de 4.000 folletos que recollen as principais recomendacións de seguridade baixo o nome “Como utilizar o autobús” que serán entregados polos monitores aos usuarios a pé de autobús.
Os monitores, debidamente formados, irán identificadas con chalecos reflectantes que fan alusión á campaña e terán acceso a toda a flota de vehículos.
Principais incidencias
Unha das incidencias máis frecuentes é que os usuarios non se agarran ao acceder ao autobús nin ao dirixirse aos asentos. Outros aspectos mellorables están relacionados coa correcta colocación das cadeiras de bebés para evitar que se caian, así como a ubicación de obxectos e mochilas que puidesen atoparse no medio do corredor obstaculizando o paso de viaxeiros.
Unha das recomendacións máis apuntadas aos usuarios durante a campaña será a de ter preparada a Tarxeta ou o diñeiro en efectivo para realizar o pago da viaxe para que o tránsito sexa máis áxil e non entorpeza o paso de usuarios que si o teñen preparado. Tamén se insistirá na necesidade de ceder o asento as persoas maiores con mobilidade reducida ou mulleres embarazadas.
Outro dos puntos no que os monitores insistirán é na disposición dos pasaxeiros ao fondo do bus para que deambulen mellor polo mesmo.
Cinco anos de concienciación
A campaña de “Prevención, asistencia e axuda aos viaxeiros” naceu no ano 2011 e durante estes cinco anos tiveron lugar en distintas épocas e meses do ano e desenvolvéronse en todas as liñas especialmente as de mais viaxeiros co obxectivo de chegar a toda a cidadanía.
Concello de Vigo
Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100