Actualidade
Temática: Transporte
Data de publicación: 17-08-2017
Xoves, 17 de agosto de 2017. – Esta mañá tivo lugar a presentación dos dous autobuses de Avanza que cobren a ruta Vigo-Madrid vinilados con imaxes das Illas Cíes e o slogan “Illas cíes: Obxectivo Patrimonio da Humanidade”. Esta acción ten lugar no marco do convenio de colaboración asinado recentemente entre o Concello de Vigo e AVANZA. A presentación contou coa presenza do Alcalde de Vigo, Abel Caballero; do Director Xeral de AVANZA, Valentín Alonso e de Juan Carlos Villarino, Director de Avanza Galicia, compañía na que están integrados os autobuses urbanos de VITRASA.
Aparte destes dous autobuses, o acordo recolle outras accións dirixidas a fomentar a candidatura do arquipélago vigués, como a emisión dun vídeo promocional nas pantallas interiores de todos os autobuses que realizan a ruta Vigo-Madrid, a instalación de imaxes promocionais nos repousacabezas dos asentos e a rotulación integral do túnel que comunica a Estación Sur de autobuses de Madrid co metro e o tren de proximidade con imaxes das Illas Cíes.
A campaña, que terá dous meses de duración, non implicará ningún compromiso económico para para as arcas do Concello vigués, xa que a empresa asumirá a integridade dos custos. En palabras do Director Xeral de AVANZA, Valentín Alonso, “o convenio servirá para dar a coñecer a candidatura das Illas Cíes no resto de España e suporá ademais unha magnífica promoción turística da cidade de Vigo”.
No marco do convenio asinado entre a empresa e o Concello de Vigo, crearase unha comisión de seguimento, co obxectivo de supervisar a posta en marcha destas accións, a súa evolución, analizar o seu impacto, realizar propostas e propor alternativas para dar continuidade aos compromisos adquiridos.
AVANZA
AVANZA está integrada no Grupo ADO, compañía multinacional de orixe mexicana, especializada en mobilidade global. A compañía integra todos os ámbitos da mobilidade terrestre: Urbano, Proximidades, Longo Percorrido e Discrecional. A estas actividades súmanse a xestión de estacións de autobús e de áreas de servizo. Actualmente é o primeiro operador privado de España de transporte urbano e metropolitano en autobús. Conta cunha frota superior a 1.800 autobuses, xestionada por un equipo de máis de 5.000 empregados. Avanza percorre ao ano máis de 150 millóns de quilómetros e transporta a máis de 245 millóns de persoas.
Grupo ADO
Ado é un grupo multinacional especializado en mobilidade, nacido en México hai máis de 75 anos. Actualmente é un dos operadores de transporte terrestre de viaxeiros máis importante a nivel internacional. Grupo ADO transporta anualmente a máis de 440 millóns de persoas, percorre máis de 1.000 millóns de quilómetros anuais cunha frota de máis de 8.000 autobuses e conta cun equipo de máis de 25.000 profesionais.
Concello de Vigo
Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100