Actualidade

Avisos

TRANSPORTE PÚBLICO: O CONCELLO DE VIGO HABILITA UN CARRIL BUS NA AVENIDA DE EUROPA PARA AXILIZAR O REGRESO DAS PRAIAS

Temática: Transporte

Data de publicación: 16-06-2017

O Concello de Vigo, en colaboración con Vitrasa e a Policía Local, vai habilitar desde mañá sábado 17 de xuño un carril bus entre Samil e o cruzamento de San Paio pola marxe dereita da Avenida de Europa para axilizar o regreso das praias entre as 19.30 e as 22.00 horas.

O carril bus, en dirección ao centro da cidade, empezará no cruzamento da Avenida de Europa coa Avenida de Samil e discorrerá ata a intersección coa rúa San Paio, quedando tres carrís de subida e un de baixada ás praias. Cunha lonxitude de 1,8 quilómetros, o carril habilitarase todos os días ata o mes de setembro.

Esta medida, que xa se puxo en marcha o ano pasado, ten por obxectivo disuadir aos bañistas de utilizar vehículos particulares para acudir á praia e fomentar o uso do transporte público. Con este servizo tamén se pretende que os usuarios poidan ir á praia en autobús, sen preocuparse de buscar un sitio para aparcar.

Vitrasa ofrece un vehículo cada tres minutos cara á praia pola Avenida de Europa, un servizo que se amplía con reforzos dependendo das condicións climatolóxicas.

 


 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100