Actualidade

Avisos

TRANSPORTE PÚBLICO: VITRASA ABRE AS SÚAS PORTAS AOS ESCOLARES DA CIDADE

Temática: Transporte

Data de publicación: 06-04-2017

Esta semana deron comezo as visitas de escolares a Vitrasa. Desde o luns 3 de abril ata o 31 de maio, VITRASA recibirá visitas escolares ás súas instalacións co obxectivo de mostrar aos nenos de Educación primaria o funcionamento do transporte urbano en Vigo. Desde que deu comezo esta actividade hai xa once anos, máis de 18.500 nenos de Vigo coñeceron o funcionamento do transporte público da cidade. Este ano estímase que serán máis de 25 os colexios que se acheguen ás instalacións, cun total de 60 visitas que sumarán preto de 1.100 rapaces.

Desprazamento en autobús

As visitas, de hora e media de duración, divídense en dous horarios diferentes, comezando unha ás 9:15 e outra ás 11:30 horas. Un autobús da compañía recolle aos nenos nos seus centros escolares e trasládaos ata VITRASA, onde a visita comeza cunha volta en bus pola explanada das instalacións.

En todo momento, os nenos están acompañados por persoal da compañía co fin de poder explicarlles de primeira man o funcionamento do transporte público.

Desde os talleres a oficina do SAE

Durante a visita, os escolares coñecen a gasolineira, onde os autobuses fan a reposición diaria e contabilízanse os datos da máquina billeteira. A continuación, os rapaces son guiados ata o tren de lavado.

Os escolares tamén coñecen o funcionamento da Tarxeta Verde, que desde a súa implantación no ano 2001, foi adaptada aos diferentes colectivos para facilitar o pago no servizo e facelo máis cómodo e económico.

O seguinte punto do percorrido pasa pola zona do taller, onde os nenos poden ver como é a zona de pintura, os fosos ou os colectores para os refugallos xerados pola empresa. A continuación, coñecen a sala de recadación onde os condutores entregan a cantidade acumulada ao longo do día e noutra sala explícaselle o funcionamento do Sistema de Axuda á Explotación (SAE). Este sistema permite coñecer en tempo real a localización de calquera vehículo da flota de Vitrasa nas rúas da cidade.

Finalmente, durante a última parte da visita os nenos poden observar a evolución dos autobuses da compañía e da propia cidade a través da colección de fotografías que a concesionaria posúe.


 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100