Actualidade

Avisos

VITRASA INVISTE PRETO DE 4 MILLÓNS DE EUROS EN DEZASEIS NOVOS AUTOBUSES

Temática: Transporte

Data de publicación: 17-10-2016

A empresa de transporte colectivo de Vigo, VITRASA, pertencente ao Grupo Avanza, presentou esta mañá dezaseis novos autobuses que pasarán a formar parte da actual flota da compañía integrada por 124 vehículos cunha inversión que ascende a preto dos 4 millóns de euros. En concreto, trátase de 14 buses de 12 metros de longo e 2 “orugas” de 18 metros cada un. Os novos autobuses irán destinados inicialmente ás liñas 15A, 15B e 15C; 5A e 5B e ás liñas do novo hospital.

O acto de presentación dos novos autobuses contou coa presenza do Alcalde de Vigo, Abel Caballero e da concelleira de Transportes, Mª Ángeles Marra, así como do Presidente do Grupo Avanza, Luis Fernando LozanoBonfil e Juan Carlos Villarino, Director Xeral de Vitrasa.

Durante os últimos cinco anos a empresa leva incorporados 50 novos autobuses o que supón a renovación do 40% da flota e que a idade media dos buses de Vigo se sitúe nos 6,13 anos de media, unha das mais novas de España.

Estas 16 novas adquisicións súmanse aos 15 vehículos presentados o pasado ano. Estes 31 autobuses contan cunha nova imaxe no seu exterior con diversas gamas de cor verde e formas xeométricas fronte ao tradicional deseño verde.

En palabras de Juan Carlos Villarino, Director Xeral de VITRASA, “con estes novos vehículos, dotados coas últimas tecnoloxías, damos un mellor servizo aos cidadáns de Vigo. Realizamos un importante esforzo en renovar os autobuses co que conseguimos contar cunha das flotas máis modernas e actuais do ámbito nacional xa que contan cunha idade media de 6 anos”.

Conexións USB e WiFi

Outras das principais novidades é que os usuarios poderán disfrutar de WiFi gratis a bordo e dispoñer de conexión USB. En concreto, cada autobús conta con 8 entradas USB e os orugas con 16. Outra das principais novidades dos novos vehículos son as máquinas billeteiras. Os dezaseis buses levarán incorporados novos sistemas de billetaxe para as tarxetas sen contacto que en breve incorporaranse a toda a flota.

Respecto polo Medio Ambiente

No seu afán por ser respectuosos co Medio Ambiente e reducir as emisións de gases á atmosfera, os novos autobuses contan con motores Euro VI. Con este sistema, redúcense os óxidos de nitróxeno dos gases de escape, optimízase a combustión do motor para acadar unha maior potencia cun menor consumo de combustible e xéranse menos partículas. Actualmente, un total de 31 autobuses contan con motores Euro VI e 61 con Euro V.

Accesibilidade do 100%

O 100% da flota de VITRASA é accesible para minusválidos e todos contan con plataforma integral baixa. Os novos buses incorporan rampa telescópica para o acceso de cadeiras de rodas e no interior tamén se atopan dous espazos habilitados para as cadeiras de rodas. Vigo é a primeira cidade galega en contar coa flota cen por cen accesible. Unha mostra máis do traballo desenvolvido por VITRASA para favorecer a integración social das persoas con algún tipo de discapacidade.

Características técnicas

A lonxitude dos novos vehículos é de 12 metros e 18 metros, entre todos teñen capacidade para 1.784 pasaxeiros: 448 sentados, 1.336 de pé e 32 en cadeira de rodas.

Destaca a instalación de piso baixo integral, aire acondicionado e calefacción, rótulos electrónicos, iluminación LED tanto interior como exterior, sistema pneumático de axeonllamento, preinstalación para SAE e pantallas de información. Ademais instalaranse cámaras de video vixilancia no interior dos autobuses para velar pola seguridade dos viaxeiros e condutores.

Outras das particularidades destes novos buses son as cadeiras anatómicas para os pasaxeiros e o pavimento de tarima. Os 16 novos autobuses de Marca MAN foron carrozados por CASTROSUA, contan con Motores Euro VI de 320 CV e cilindrada de 10.518 cm3.

O Presidente de Castrosua, Juan Luis Castro e o responsable comercial de Man España, TomásMerinoJiménez, participaron na presentación como empresas responsables do carrozado dos novos buses.

Flota actual de Vitrasa

A actual flota de Vitrasa conta con 124 vehículos, dos cales, 11 miden 10 metros, 103 miden 12 metros e 10 son de 18 metros. A capacidade total de todos estes autobuses é de 13.529 prazas divididas en 3.651 prazas para persoas sentadas, 9.662 para viaxeiros de pé e 216 cadeiras de rodas. Todos os vehículos contan con rampa eléctricas. Un total de 37 vehículos dispoñen de conexión wifi e 39 contan con cámaras de vídeo vixilancia. O 75% do total da flota con motores EuroV e Euro VI os máis innovadores e respectuososco medio ambiente.

Avanza

AVANZA está integrada en Grupo ADO, compañía multinacional de orixe mexicana, especializada en mobilidade global. A compañía integra todos os ámbitos da mobilidade terrestre: Urbano, Proximidades, Longo Percorrido e Discrecional. A estas actividades súmanse a xestión de estacións de autobús e de áreas de servizo. Actualmente é o primeiro operador privado de España de transporte urbano e metropolitano en autobús. Conta cunha frota superior a 1.800 autobuses, xestionada por un equipo de máis de 5.000 empregados. Avanza percorre ao ano máis de 150 millóns de quilómetros e transporta a máis de 245 millóns de persoas.

Grupo ADO

Ado é un grupo multinacional especializado en mobilidade, nacido en México hai máis de 75 anos. Actualmente é un dos operadores de transporte terrestre de viaxeiros máis importante a nivel internacional. Grupo ADO transporta anualmente a máis de 440 millóns de persoas, percorre máis de 1.000 millóns de quilómetros anuais cunha frota de máis de 8.000 autobuses e conta cun equipo de máis de 25.000 profesionais.


 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100