Actualidade

Avisos

Covid-19: Peche de cemiterios e paseos públicos, xestión do aforo de transporte, rexistro de subministros, actuacións de seguridade, pleno, comunicación do exército e realoxamento de persoas sen fogar

Temática: Covid-19

Data de publicación: 16-03-2020

RESOLUCIÓN QUINTO PAQUETE MEDIDAS COVID-19

Con data 11 de marzo do 2020 a Organización Mundial da Saúde (OMS) declarou o brote de SARS-CoV 2 como pandemia. Por Resolución desta Alcaldía de data 12 de marzo de 2020 acordouse a creación dun Comité de Seguimiento de evolución do COVID-19, coa finalidade de analizar a situación e propoñer a implementación das medidas que se estimen necesarias.

Realizada a reunión constitutiva do Comité na mesma data, propuxéronse unha serie de medidas destinadas a minimizar o risco de contaxio do coronavirus COVID-19, e a protección da poboación e dos empregados municipais, partindo das recomendacións efectuadas polas autoridades administrativas sanitarias. Por sendas Resolucións desta Alcaldía de data 13 de marzo de 2020 adoptáronse acordos de modificación do primeiro paquete de medidas, e de aprobación dun segundo paquete de medidas, que contemplaba, no seu apartado segundo o establecemento do sistema atención presencial na Casa do Concello con cita previa limitado a unha serie de oficinas.

O Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, declaraba a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e se activa o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 e ante a declaración do estado de alarma polo goberno da nación. Por Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, declárase o estado de alarma para a xestión da situación de crisis sanitaria ocasionada polo COVID-19, no que, entre outras medidas, se decreta a limitación da libertade de circulación das persoas a unha serie de supostos taxados no seu artigo 6.

Á vista da evolución das circunstancias, cómpre a adopción de novas medidas propostas na reunión do Comité de Seguimento de data 15 de marzo de 2020 para garantir o cumprimento das indicacións sanitarias e de seguridade formuladas polas autoridades competentes.

No exercicio das competencias que a normativa vixente en materia de réxime local lle confire a esta Alcaldía-Presidencia en canto á dirección da política, o goberno e a administración municipal, así como o establecemento das directrices xerais da acción de goberno municipal e o aseguramento da súa continuidade, contidas no artigo 124.4.a) e c), respectivamente, da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, e Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia, de conformidade coas medidas previamente adoptadas por esta Alcaldía no marco do seguimento da situación e de conformidade co establecido no Real Decreto 463/2020:

RESOLVO

Primeiro.- Ordear o peche xeneralizado dos cemiterios municipais a visitas, coa única salvedade de celebración de enterramentos, coa limitación de aforo máximo a 25 persoas.

Segundo.- Ordear o peche do paseo de Lagares, o paseo de Bouzas e outros espazos análogos.

Terceiro.- Instar á empresa de transporte público municipal ao cumplimiento do establecido no Real Decreto 463/2020, en particular, no referente ao aforo dos vehículos de transporte.

Cuarto.- Instar á area de goberno de Participación Cidadá a través do 010 á formación dun rexistro de ofertas voluntarias que se están a recibir de bens e suministros de necesidade de medios precisos para o mantemento das medidas sanitarias prescritas polas autoridades sanitarias

Quinto.- Instar a área de goberno de Seguridade a implantación, coordinación e activación daqueles plans, protocolos e medidas que considere necesarios na actual situación de crise sanitaria e da derivada do estado de alarma.

Sexto.- Dar conta do acordo informal dos voceiros dos grupos políticos municipais para o aprazamento da celebración do Pleno ordinario correspondente ao mes marzo.

Sétimo.- Revisar a periodicidade do réxime des sesións ordinarias do Consello da Xerencia Municipal.

Oitavo.- Dar conta da comunicación do Ministerio de Defensa do envío do exército de terra ao Concello de Vigo para labores relacionadas coa declaración do estado de alarma.

Noveno.- Dar conta da total cobertura das necesidades de aloxamento e realoxamento das persoas sin fogar.

Décimo.- A presente resolución terá efectos a partires da súa data de marzo e ata o 29 de marzo, sen perxuízo da súa ampliación si así o requiren as circunstancias, conforme á declaración do estado de alarma.

Undécimo.- Dar publicidade deste acordo mediante todos os medios internos e externos dispoñibles, procurando a máxima difusión á cidadanía.

Documentación

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100